Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2023 | Actualizada ás 11:32
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou senllas iniciativas para esixir "rectificación" ao Goberno central e que blinde a "igualdade de trato" entre o galego e o castelán nas novas probas de Avaliación para o Acceso á Universidade (EBAU).
Ademais, nun comunicado, o nacionalista pide que o Ministerio de Educación e FP leve o novo modelo aos representantes do profesorado a través da Mesa Sectorial, posto que "a súa opinión debería ser tomada en consideración" en decisións desta magnitude.
Segundo denuncia Rego, a última versión para regular a EBAU "supón un trato diferenciado e discriminatorio entre as linguas oficiais", xa que "non blinda" as probas de idiomas diferentes ao español. Serán as administracións autonómicas, como a Xunta, as que decidan estabelecer a obrigatoriedade de realizar a proba de Lingua e Literatura Galegas.
"Esta modificación vulnera a igualdade que debe existir entre o galego e o castelán e, de levarse a cabo esta alteración, facilitaría un trato desfavorable para o galego e porán en dúbida a realización das probas nas materias da especialidade", advertiu o deputado do BNG, quen no entanto concorda na necesidade de que as comunidades teñan unha maior capacidade e competencias en materia educativa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.