Esta é a estratexia do PPdeG para tentar conseguir gobernar en dúas deputacións e tres cidades

O PP recolle nun documento os "concellos de actuación preferente" nas municipais de maio. Os populares traballan xa nunha folla de ruta que inclúe accións concretas a través da Xunta en concellos importantes que poden decantar a balanza dunha deputación ou dunha urbe. O papel dos medios de comunicación será fundamental.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/02/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O PPdeG comezou este 2023 coa firme intención de recuperar poder municipal e provincial. Os populares son o único partido galego que teñen xa presentado públicamente os candidatos aos 313 concellos e este domingo escenificaba xa o comenzo desta longa campaña electoral que durará case todo o ano, primeiro coas municipais en maio e probablemente en outubro ou novembro as xerais ao Estado. Un acto ao que acudía o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, atende aos medios
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, atende aos medios | Fonte: XUNTA

E é que tanto o actual presidente galego como o anterior xóganse moito nestes comicios locais. O primeiro, para tentar superar as cifras de hai catro anos e gañar deputacións e grandes concellos co obxectivo posto nas autonómicas e o segundo porque quere vender en Madrid o éxito da súa xestión nestes últimos anos de cara a cita electoral de final de ano.

E cal é o gran obxectivo do PPdeG para os comicios locais?. Todas as fontes consultadas por Galicia Confidencial coinciden no mesmo: gañar dúas novas deputacións para poder gobernar en tres das catro e acadar as alcaldías de Lugo, Ferrol e Ourense, ademais de aumentar o número de concellos nos que gobernan actualmente. 

ESTRATEXIA DE CATRO NIVEIS

Un documento ao que tivo acceso Galicia Confidencial destaca que os populares centrarán os seus esforzos electorais en prazas significativas hoxe en mas principalmente do PSOE. Os populares teñen deseñado unha estratexia en catro niveis. Os dous niveis máis importantes teñen que ver cos concellos nos que  que están a un escano da maioría absoluta e os municipios nos que non gobernan pero son "prioritarios" para acadar alcaldías e deputacións. Os outros dous niveis teñen que ver cos conocellos nos que o PP goberna en minoría e aqueles onde a maioría absoluta do PPdeG é "axustada" e está a un concelleiro ou concelleira de perdela.

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto do PP en Santiago de Compostela
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto do PP en Santiago de Compostela | Fonte: PP

Os municipios nos que o PP cre que pode volver gobernar son 14 e poderían cambiar tamén o equilibrio de forzas nas deputacións. Na provincia da Coruña, os de Rueda centraranse en Fisterra, Melide e Ferrol, estas dúas prazas son importantes para a consecución de deputados provinciais. O mesmo acontence coa Fonsagrada e Rábade en Lugo, Celanova en Ourense e Meis, Salceda de Casela e Poio en Pontevedra. Ademais o PPdeG agarda conseguir maioría absoluta na Pobra de Trives e Verea, en Ourense e na Cañiza,  Forcarei e Vila de Cruces, en Pontevedra.

TENTAR CAMBIAR AS DEPUTACIÓNS

Por outra banda, os populares tamén centrarán a súa estratexia electoral en concellos que poden mudar os gobernos das actuais deputacións.  Así, na Coruña os esforzos céntranse na Coruña e Oleiros, Santiago, Ames e Teo e na área de Ferrolterra, principalmente, en Narón, Fene, As Pontes, Valdoviño ou Cedeira. Tamén son importantes os municipios da Pobra do Caramiñal, Ortigueira e Boiro.

En Pontevedra, o PPdeG intensificará a campaña en Vigo e a súa área metropolitana; Baiona, Redondela, Nigrán ou Gondomar. Tamén en Pontevedra, Cangas, Tui e Vilagarcía de Arousa. En Lugo, na propia capital provincial e en Monforte, Quiroga, O saviñao, Sober e Sarria e en Ourense, tamén na capital e en Barbadás, Xinzo, Ribadavia e Avión. 

Todos estes concellos son moi "relevantes" para os populares xa que segundo o documento ao que tivo acceso GC, "son prioritarios" para os partidos xudiciais, que son dos que saen os deputados provinciais. 

OS CONCELLOS QUE O PP NON PODE PERDER

O documento sobre "as actuacións preferentes nas municipais" do PPdeG ao que tivo acceso GC tamén recolle niveis menos importantes nos que actuar. Entre eles, están o de incidir nos concellos nos que o PP goberna en minoría e nos que ten unha mairía absoluta "axustada". Entre os primeiros están na Coruña os de Coristanco, Malpica, Muros, Noia, Ribeira, Trazo, Val do Dubra, Mugardos, Santa Comba e A Baña. Estes últimos oito son "concellos de partidos xudiciais relevantes para a deputación", igual que o son Pontecesures e O Porriño, en Pontevedra. En Lugo son O Corgo e Monterroso; en Ourense están Maceda, Punxín, A Rúa, Laza, Castrelo de Miño, San Amaro e Viana.

E xa os concellos con "maioría absoluta axustada" son na Coruña, e con importancia para ser a forza máis votada nos partidos xudiciais, os concellos de Boimorto, Ordes, padrón e Touro. Menos importantes, Aranga e Laxe. En Lugo, os importantes para a deputación son os de Folgoso do Courel, O incio, Pantón, Triacastela e o Saviñao e menos importantes, Taboada, Portomarín, Chantada, Cospeito e Antas de Ulla.

En Pontevedra, os concellos que os populares queren manter para influír na deputación son Soutomaior, Portas, Pazos de Borbén, Oia, Mos e Campo Lameiro. Menos importantes; Arbo, Lalín, Mondariz-Balneario, Rodeiro e Salvaterra de Miño. E, finalmente, en Ourense, Beade, A Gudiña, Larouco, Montederramo, Piñor, Rairiz de Veiga, Rubiá, Vilardevós e Vilariño de Conso.

IMPORTANCIA DA XUNTA

E para conseguilo os populares non van escatimar en esforzos e medios. Para tal fin están utilizando a Xunta de Galicia co obxectivo de aumentar a súa influencia en campos electorais decisivos.  Hai uns días, o Consello da Xunta aprobaba novos criterios para a repartición de 15,6 millóns de euros, do Fondo de Cooperación Local (FCL) adicional, en axudas a pequenos municipios para melloras de eficiencia enerxética e de redes de abastecemento e compra de maquinaria.

Estas axudas, que corresponden á Vicepresidencia segunda, repartiranse entre os municipios de menos de 15.000 habitantes e supoñen algo máis da metade do fondo adicional que a Xunta entrega de maneira condicionada aos municipios, a diferenza do groso do FCL, que ten carácter incondicionado.  A convocatoria será "inmediata" polo que se producirá antes das eleccións municipais do mes de maio, aínda que Rueda desvinculou as subvencións desta cita electoral e asegurou que as liñas de axudas que se aproban este ano "por primeira vez" son "moi necesarias". Un reparto que a oposición considerou xa "discrecional" ao non saberse os criteiros nin os concellos que percibirán estas axudas.

AXUDAS AOS MEDIOS

Pero, o Goberno galego tamén utilizará outra vía máis directa, pero moi difícil de rastrexar, como son as axudas aos medios de comunicación. De feito, e segundo puido saber GC, o propio Alfonso Rueda está mantendo reunións cos principais directores e editores dos grandes medios de comunicación do país e o obxectivo é manter ou incrementar as millonarias axudas que xa perciben.

Así, o PPdeG seguirá financiando a La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, El Progreso e La Región mantendo ou incrementando un pouco as cantidades que xa percibiron o pasado ano. Pero este anto tamén puxo especial atención nas radios --Cadena Ser, Onda Cero, Cadena Cope, Radio Líder ou Si Radio--  e en medios máis locais como Canal 31 de Ferrol ou El Español, a través das súas delegacións en Galicia, principalmente, Quincemil, aos que destinará importantes campañas publicitarias. 

O obxectivo con estas axudas aos medios é ter influencia en lugares que son importantes para que o PP poida conseguir a alcaldía ou rabuñar votos como é a área da Coruña e Ferrol coa intención de facerse co concello ferrolán ou a Deputación da Coruña. No caso de Lugo, os populares utilizarán principalmente as radios, La Voz e El Progreso para tentar cambiar a actual configuración de forzas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta