A historia é a seguinte: Dona Emilia Pardo Bazan escribiu un relato en 1899 sobre un asno enfermo que foi abandonado na illa da Toxa. O dono antes de sacrificalo decidiu deixalo abandonado, por aquilo de “ollos que non ven corazon que non sente”. A lenda foi publicada na revista Ilustración Artística pola ilustre escritora e serviu para vender as virtudes das augas termais da illa. Talvez viña dicir que o que cura a un asno tambien cura a un humano. Cousas de Dona Emilia.
Un afiliado ao PSOE que o situaron como secretario de Estado de Xustiza, e é por decisión dos seus camaradas numero dous do Ministerio, hai uns días declarou que os Letrados da Administración de Xustiza son uns golpistas. Tamén opinou que a folga “é de persoas privilexiadas que cobran entre 40.000 e 60.000 euros ao ano”. Considera o ilustre socialista discípulo de Borrell e Solana que os folguistas usan “unha linguaxe bélica inentendible nestes tempos”. O home, por se tiñamos interese, informounos que “son vasco e tocoume negociar moitas veces baixo presión, e iso acabouse cando se acabou o terrorismo. Baixo presión xa non é negociación”. Tras sisudas análises xurídicas o insigne secretario considera que os folguistas teñen de reféns aos cidadáns.
Talvez o camarada socialista actúa como Bertrand du Guesclin, aquel que pronunciou o seu famoso “Nin quito nin poño rei, pero axudo ao meu señor”. O secretario de Estado defende o seu cargo porque o colocaron nese posto, e é aos seus xefes a quen debe submisión. O cal é obvio neste réxime pouco democrático e moi partitocratico. Por todo iso, e ante a tensión nerviosa que padece o secretario de Estado, pode e debería facer caso aos seus camaradas galegos, e pasar uns días no balneario da Toxa. Axudaríanlle a rebaixar o seu nerviosismo. Co seu soldo de secretario de Estado ben se pode pagar unha estancia no balneario de Alfonso XIII, así como gozar da insigne obra artística ideada polos seus compañeiros de partido, que para algo a inauguraron.