Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 06/03/2023 | Actualizada ás 11:06
O prezo medio da vivenda usada en Galicia aumentou no mes de febreiro un 4% con respecto ao mesmo mes do ano anterior e un 1,3% en relación ao mes de xaneiro, segundo indicou o portal inmobiliario Fotocasa. Unha suba que foi espectacular no caso de Bueu (máis dun 25%), sendo o concello galego coa suba máis importante.
Deste xeito, a vivenda usada sitúase en Galicia a 1.678 euros o metro cadrado, por baixo da media estatal onde o metro cadrado costa 2.086 euros. En tres das catro provincias galegas sobe o prezo interanual da vivenda no mes de febreiro. En Pontevedra o aumento é dun 5,8%, en Lugo de 5,7% e na Coruña do 3,1%, mentres que en Ourense descenden un 0,3%.
Así, Pontevedra colócase como a provincia cos prezos máis elevados co metro cadrado da vivenda usada a 1.997 euros o metro cadrado, seguida da Coruña con 1.657. Lugo e Ourense teñen o metro cadrado a 1.217 e 1.448, respectivamente.
DATOS POR CIDADES
De maneira detallada, por cidades o prezo medio da vivenda usada sufriu no mes de febreiro un aumento do 8,8% en Pontevedra, co metro cadrado a 1.939 euros. Con todo, A Coruña, cunha subida do 7,3%, é a cidade máis cara custando o metro cadrado 2.556 euros.
Nesta liña, Ourense, cun descenso interanual do 0,7% é a terceira cidade máis cara co metro cadrado a 1.543 euros , mentres Lugo conta cun ascenso dos prezos do 2,4% e o metro cadrado a 1.422 euros.
Así mesmo, o valor interanual da vivenda creceu por encima do 10% nalgúns municipios e destacan os casos de Bueu (26%), Poio (25,4%), Marín (13,3%), Cedeira con (13,25%) ou Viveiro (12,9%). Doutra banda, os dous maiores descensos interanuais de Galicia localízanse en Rianxo, cunha baixada dos prezos do 14% e Vilalba cunha do 10%.
EXECUCIÓNS HIPOTECARIAS
Por outra banda, o número de execucións hipotecarias sobre vivenda situouse en 459 durante 2022, o que supón unha caída do 30,7% en comparación co ano anterior, segundo datos publicados este luns polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press.
Delas, 327 eran vivendas de persoas físicas e 132 de persoas xurídicas. En total, na en Galicia contabilizáronse 774 execucións hipotecarias sobre leiras. Así, 72 eran leiras rústicas; 459, vivendas; 11, solares urbanos e 232, outro tipo de leiras urbanas. Das 459 vivendas, 46 eran novas e 413 eran domicilios usados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.