Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/04/2023 | Actualizada ás 10:00
Aumentan os delitos de ciberseguridade, un 9% máis que o pasado ano. Así o recolle o Instituto Nacional de Ciberseguridad de España (INCIBE) no seu Balance de Ciberseguridad 2022, ano no que xestionou, desde o seu Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade (INCIBE-CERT), 118.820 incidentes de ciberseguridade.
Do total desta cifra, máis de 110.100 dos incidentes afectaron a cidadáns e empresas, 546 a operadores estratéxicos (organización pública ou privada responsable do funcionamento dunha infraestrutura que resulta indispensable) e 7.980 á Rede Académica e de Investigación Española (RedIRIS).
No ámbito de cidadáns e empresas, cabe destacar que 1 de cada 3 son unha filtración de datos (sensibles, protexidos ou confidenciais que son roubados por unha persoa non autorizada); e 2 de cada 5 son vulnerabilidades de sistemas tecnolóxicos (debilidade dun sistema que pode pór en risco a súa seguridade).
En canto aos incidentes máis frecuentes, destaca o phishing con case 17.000 incidentes, seguido do malware con máis de 14.000 e, por último, o ransomware, con case 450 incidentes. Así mesmo, durante 2022 INCIBE detectou máis de 650 tendas online fraudulentas, ademais de máis de 5.000 incidentes que teñen que ver con contido abusivo, como pornografía infantil, delitos de odio ou ciberacoso.
3 MILLÓNS DE DISPOSITIVOS VULNERABLES
INCIBE-CERT presta soporte técnico especializado aos incidentes de ciberseguridade que notifican cidadáns e empresas en España. No último ano, documentáronse 26.431 novas vulnerabilidades, un 20% máis que no ano 2021. Así mesmo, segundo o mapa de dispositivos vulnerables (afectados por algún software malicioso, mal configurados ou expostos en Internet de forma non desexada), as provincias con máis vulnerabilidades detectadas foron Madrid (637.008), Barcelona (443.304), Valencia (157.478) e Sevilla (127.932).
En canto ás consultas e problemas máis frecuentes, cabe destacar que: 1 de cada 4 están relacionadas con phishing nos dispositivos; un 10% da cidadanía necesitou asesoramento sobre a seguridade das súas compras en Internet; 5.098 persoas consultaron ao 017 por suplantación de identidade; 788 usuarios preguntaron acerca de falsas herdanzas, doazóns ou premios; ou 1.345 persoas chamaron para expor un problema de sextorsión (chantaxe por parte dun ciberdelincuente para que a vítima realice unha determinada acción ou entregue unha cantidade de diñeiro baixo a ameaza de publicar ou compartir imaxes íntimas súas).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.