'Cabalgata', o novo traballo de Ataque Escampe, preséntase este martes 18 de abril nas principais plataformas dixitais

Cun ollo posto no mar e no ceo e outro nas instalacións do club náutico, Sanxenxo vivirá outra semana co foco mediático de todo o país.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2023 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

'Cabalgata', o oitavo disco da banda Ataque Escampe, estará dispoñible desde as 00,00 horas deste martes, día 18 de abril, nas principais plataformas dixitais.

Trátase do primeiro LP que publica a banda compostelá en seis anos. Nesta ocasión, o grupo mostra o seu universo creativo mantendo os seus trazos de identidade (como o coidado dunhas letras apoiadas no humor, a vulnerabilidade e a aproximación a estilos diversos) e achegando tamén numerosas novidades tanto na instrumentación --coa presenza de sintetizadores e, ocasionalmente, de saxo e bases electrónicas-- como a nivel lírico.

Nun comunicado, a banda sinala que o fío principal do disco é o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón "como espazo inesgotable que interpela". De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título.

'A cociña práctica', un do dez temas que conforma o disco, conta cunha das colaboracións crave do mesmo: Antía Ameixeiras, do dúo de música 'Caamaño&Ameixeiras', participa no tema como vocalista, achegándose así a un rexistro máis pop, e suma tamén voces en Supermartes.

A maiores, 'Cabalgata' está marcado tamén pola participación de dous colaboradores habituais: Hevi e David Silva. Hevi, responsable tamén de gravacións de Ortiga, Novidades Carminha ou Faia, entre outros, repite na produción despois de 'A alma'. Pola súa banda, David Silva, que acaba de realizar con Ataque Escampe o espectáculo audiovisual 'Na noite brillan', encárgase dos videoclips e do deseño, onde profunda na iconografía ecuestre presente no título.

Ataque Escampe presentará Cabalgata na Sala Capitol de Santiago de Compostela o sábado 29 de abril, nun evento que abrirá un combinado de membros da Banda de Lalín. Así, péchase en certa maneira o círculo aberto pola mención á Banda dentro do disco ou a presenza de parte da súa formación no videoclip do adianto Lamborghini. As entradas xa están á venda, a partir dos 10 euros na web de www.ataquilla.com. O prezo en despacho de billetes será de 15 euros.

Ataque Escampe presenta este martes o seu novo álbum, 'Cabalgata', nas principais plataformas dixitais. ATAQUE ESCAMPE
Ataque Escampe presenta este martes o seu novo álbum, 'Cabalgata', nas principais plataformas dixitais. ATAQUE ESCAMPE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta