Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/05/2023 | Actualizada ás 21:22
Case 250.000 votos e 600 concelleiros en toda Galicia. O BNG foi unha das formacións que máis creceu nos comicios locais do pasado domingo. Obtivo 134 concelleiros máis que hai catro anos, un máis dos que subiu o PPdeG, e 54.000 votos máis con respecto ao 2019. Uns espectaculares resultados que farán que goberne en dúas grandes cidades e teña alcaldías nas catro provincias galegas.
Con todo, o bo resultado da formación nacionalista non oculta a decepción provocada en feudos históricos desta formación, entre eles, Rianxo, Ribadeo ou Poio. Nesta última localidade, gobernada polo BNG desde 1995, os nacionalistas perderon o poder logo da marcha do histórico rexedor Luciano Sobral. A súa substituta, Margarida Caldas, só conseguiu tres dos cinco edís que tiña o seu antecesor. Este histórico concello pasa agora a ser gobernado polo PPdeG con maioría absoluta.
A VILA DE CASTELAO
O mesmo aconteceu en Rianxo, unha icona para o nacionalismo galego e lugar de nacemento de Afonso Rodríguez Castelao. Este concello gobernado polo BNG durante dúas lexislaturas da man de Adolfo Muiños non foi quen de revalidar o goberno tras a súa substitución por Xusto Ordóñez. O Bloque perdeu catro dos seis edís que tiña.
Rianxo en Común, con Julián Bustelo á cabeza, foi o gran triunfador das eleccións municipais pois viu duplicados a súa cifra de votos respecto da cita coas urnas de fai catro anos. Sacou cinco concelleiros e ten moitas papeletas de ser o novo alcalde da localidade tras ser a lista máis votada, aínda que só por 30 votos, tras un triple empate técnico con PSOE e PP, que tamén sacaron cinco edís.
Outro dos feudos do Bloque onde haberá cambio é en Ribadeo. Tras a decisión de Fernando Suárez de non volver presentarse tras 16 anos como alcalde, o seu substituto, Pablo Vizoso, só foi quen de reter 5 escanos de quince, perdendo dous, o que provoca a entrada do PP no executivo local con maioría absoluta, oito edís, tras case duplicar os resultados de hai catro anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.