O noso idioma, merece todas as laudatorias e apoios. Ademais de ser certeiro na sínteses transmisora das tradicións, creativo na análise da condición humana e dos acontecementos da historia xeral máis da contorna, ten exquisitez e profundidade na poética e un tempo propio na expresión musical e artística. Que magoa do trato institucional que recibe, da perda da súa utilidade no ensino, na comunicación en xeral, da infravaloración que ten nalgúns ámbitos da vida cotiá e tamén dalgunha veciñanza. Pese a todo isto, imos indo.
Manteño o convencemento de que dita expresión (imos indo), é ben equilibrada. Expresa axeitadamente o que foi o noso pasado e como nos sentimos no presente. Na Galiza as decisións e as políticas sempre viñeron de fóra. Quizás esa dependencia do alleo, forxou a nosa maneira de ser. Tal vez a nosa blindaxe do carácter, e o amor pola Nosa Terra ten unha explicación psicolóxica na pertenza histórica a estruturas impostas que xamais nos entenderon, nin nos entenderán, como di o Himno Galego. A soberanía ademais dunha necesidade en termos xurídicos e políticos e tamén unha boa menciña para os sentimentos.
A xubilación permite desfacerse ou afastarse das tiranías do espertador e dunha axenda petada de compromisos. Permite matinar no aparentemente improdutivo como o que estou a facer agora. Mais tamén é unha nova estadía, coas súas querenzas e dependencias. Non vou facer ningún relatorio porque aínda que teño acreditado nalgunha desas cuestións, non teño seguridade de que a maioría de persoas que se atopan nesta etapa da vida cheguemos a mesma ou semellante conclusión.
Tal vez o común sexa, a comprobatoria empírica da continuidade da vida ata o seu remate, coas súas enlazadas dialécticas envolventes e contraditorias que non levan a paraísos da felicidade permanente ou a infernos deseñados pola mecánica costumista que impón a tiranía do "todo está feito" ou "dálle adiante que pouco ou nada vai trocar". Depende simplemente das diferentes perspectivas e posiblemente da sinxeleza no mirar de cada quen.
No 2023 a política no Estado Español vai estar completamente condicionada polas citas electorais (municipais e autonómicas do pasado 28 de maio e as recentemente convocadas para o 23 de xullo). Xa teño manifestado noutros artigos a crecente polarización e mesmo a intensificación chegando a paroxismo na confrontación entre os bloques políticos que pretenden tanto PSOE como PP nos preliminares(dereita extrema+ extrema dereita contra da esquerda extrema + extrema esquerda) . Diante dun máis que posible cambio de maiorías a tendencia agudizará durante todo o período os termos do confronto e logo chegarán pouco a pouco, as crises internas nas ringleiras dos perdedores, a toma de posición das diferentes correntes para a recomposición dos dous espazos tradicionais , un remanso logo da voráxine e o comezo dun novo ciclo que vai ter unha duración entre 4 e 8 anos (como as máis das veces) e, de novo, un bipartidismo coas súas “deformacións” consecuencia do que leva acontecido nos derradeiros tempos.
No 1.982 afunde a UCD e dende aquela o PSOE e o PP, aínda que fosen xurdindo novidades, repartiron sempre o poder e foron quen de adaptarse aos cambios no escenario, na tremoia e na representación. As maiores dificultades para o españolismo e cando agroma con toda a súa intención e sen andrómenas o asunto das nacionalidades históricas resoltas polo artigo 151 da Constitución Española daquela maneira. Dita vía nin resolveu o asunto competencial nin o xurídico político de fondo como se di en distintas sentenzas do Tribunal Constitucional Español (como a do 31 /2010, de 28 de xuño, diante dun recurso de inconstitucionalidade en relación a diferentes preceptos da Lei orgánica 6/2006 de 19 de xullo, da reforma do Estatuto de autonomía de Catalunya).
O nacionalismo galego sabe moi ben o que supón dita confrontación e desexo que saiba moverse con axilidade e creatividade nese “campo de xogo” imposto polo españolismo nas dúas vertentes. Algunha afectación terá como consecuencia do que vai pasar mais teñen bagaxe, forza e apoio dabondo para construír e desenvolver unha campaña propia, sen ter que pagar ningunha peaxe e acadar unha máis grande representación.
Neste novo ciclo, será bo que a forza tractor do nacionalismo galego o BNG, fixera unha interpretación máis alo da súa militancia (impulsando un achegamento tal e como apuntei no anterior artigo), tanto para converterse na alternativa real de gobernabilidade en Galiza, fronte á equidistancia que pode manter o PSOE antes de apoiar un goberno dirixido polo Bloque (deixando ao PP que goberne en minoría), como para camiñar polos novos camiños logo do 23 de xullo.
No caso de non arriscar neste movemento de reagrupamento asentado sobre unhas bases mínimas para construir un Programa para a Nación Galega perderáse unha grande oportunidade e cando o PSOE teña folgos de novo para darlle solucion a súa crise estará en mellores condicións de retomar a segunda posicion e chegarán as transferencias do voto. Daquela o refuxio para o nacionalismo galego será o resistencialismo ou recuncar nun bipartito presidido por eles.
Se me fixen entender xa quedo conforme. Logo que pase o que teña que pasar e cando me pregunten, como vai?, a miña resposta será, imos indo e @s que non entendan que collan o sacho.