A rebaixa do IVE en alimentos, axudou ás familias máis pobres?

O Goberno central anunciaba a comezos de ano a rebaixa do IVE en alimentos frescos de primeira necesidade para o primeiro semestre. A medida prorrogouse para o segundo semestre. Alén diso, tivo algunha influencia positiva en familias e persoas en risco de exclusión ou con dificultades para acceder a produtos frescos? Que incidencias tivo, tanto positivas como negativas, para este sector social?

Por Moncho Mariño | Santiago | 11/07/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O Goberno central tomaba a medida de rebaixar o IVE en alimentos frescos de primeira necesidade a primeiros de ano, seis meses despois prorrogaba a medida, aínda que a cesta da compra non deixaba de encarecer. As medidas deron resultado durante o primeiro mes, segundo analistas, mais os sectores da distribución e a venda subiron de novo os prezos “pola guerra de Ucraína” e os custos de importación. Doutra parte, as familias de rendas baixas e as que están en risco de exclusión ven fuxir a posibilidade de acceso a alimentos máis sans e recorren aos procesados e ultraprocesados, máis económicos, en Galicia isto reforzouse coa desaparición da tarxeta básica. Houbo un beneficio real para as familias coa baixada do IVE?

Compra no supermercado
Compra no supermercado | Fonte: Arquivo

SUBA DE PREZOS

O aumento nos prezos de produtos como o azucre, a fariña ou o aceite incrementou de maneira exponencial os custos na cesta compra, un fenómeno que afectou especialmente a familias e persoas vulnerables. A intención do Goberno central era frear a tendencia inflacionista que se estaba dando entre salarios e custos, sendo os primeiros incapaces de facer fronte aos segundos de maneira efectiva, mesmo cos incrementos do Salario Mínimo Interprofesional.

A suba de prezos é consecuencia do impacto que a guerra en Ucraína está tendo “sobre cadeas de subministración e produción globais, así como cos aumentos no prezo da enerxía”, apuntan desde a CEG. A isto, a plataforma empresarial galega suma outros actores como o custo dos combustibles, os fertilizantes e os pensos tamén contribuíron ao incremento nos prezos de alimentos básicos que experimentaron incrementos próximos ao 40% interanual”.

A inflación leva ás familias a apartar cada vez máis diñeiro para os alimentos, pasando de 400 a 700€ nun núcleo familiar de tres persoas, mentres que os ingresos baixan” di Jesús Busto da Fundación Amigos de Galicia. “E se pensamos en familias que reciben ingresos como a RISGA ou o Salario Mínimo Vital, os ingresos aínda baixan máis”. Así temos que “o aumento dos prezos en alimentación vai consumindo os aforros” di Xosé Cuns de EAPN Galicia. Por outra parte, a política de rebaixa ou eliminación dos mesmos, aínda que sexa temporal, contradí os principios dun goberno socialdemócrata como o de Sánchez, por iso existe a postura de “case resignación esperando que polo menos lles servise de algo”, porén “a rebaixa de impostos reduce as políticas de inclusión”, describe Cuns.

Imaxe dun supermercado
Imaxe dun supermercado | Fonte: EROSKI

Volvendo aos termos ideolóxicos sobre economía, a rebaixa de impostos vai ligada a ideas opostas teoricamente ás socialdemócratas. Baixar ou retirar algúns impostos facilita a competencia e o mercado segundo os postulados liberais e da libre empresa. “A rebaixa de impostos debería traducirse nun menor custo para os consumidores” apunta a CEG. Entón, de onde vén a suba? “O prezo dos alimentos non depende só dos impostos e as empresas tiveron que facer fronte a fortes incrementos nos custos de inputs e laborais”. Foron a loxística e os salarios, entre outros, os factores determinantes para incrementar o custe da compra semanal. Aínda así, a CEG apunta a unha estabilización nos prezos industriais elemento teoricamente favorecedor de cara a unha desaceleración no custo da vida.

CONSECUENCIAS

A CEG responde que a rebaixa do IVE “foi acollida de maneira positiva polas principais asociacións da distribución e o gran consumo, que consideran que ten un efecto directo nos prezos e contribúe a limitar o impacto da inflación no conxunto da poboación”. Aínda así “a distribución tivo que realizar un esforzo operativo extraordinario para actualizar os novos prezos, pero comprometeuse a facer o mellor para a sociedade, mesmo comparándoo con situacións difíciles como o peor da pandemia ou eventos climáticos adversos”.  

En canto á poboación xeral, tivo que realizar algún esforzo nestes meses? “A rebaixa de impostos beneficiou ás familias durante un mes ou mes e medio” apunta Cuns que conclúe: “toda esta suba beneficia ás grandes distribuidoras”. Jesús Busto apunta ademais que “cando se fai unha recollida de alimentos solidaria é o cliente do establecemento quen merca e doa ese alimento, por tanto é un beneficio para ese establecemento”.

Outro elemento ligado á suba dos prezos é o efecto que ten sobre a alimentación entre persoas e familias con baixo poder adquisitivo.Coa tarxeta básica en Galicia houbo moitas persoas e familias que melloraron a súa alimentación xa que accedían a produtos máis frescos” lembra Xosé Cuns. Pola contra, a retirada desta tarxeta básica fixo retroceder en calidade alimentaria ás persoas que foran beneficiarias da mesma. “Temos o que se chama pobreza de hidratos de carbono, é dicir, un exceso de comida moi procesada” e que inflúe de maneira negativa na saúde das persoas.

“As actuais circunstancias levan ás familias a consumir alimentos con exceso de azucres, graxas e sal, o efecto inmedianto é o aumento da obesidade”, apunta Jesús Busto. “Esta situación dáse en todas as cidades sobre todo en áreas ou bolsas de pobreza e barrios con renda moi baixa”.

A rebaixa ou eliminación do IVE en alimentos considerados de primeira necesidade non freou a escalada nos prezos. Os recursos familiares destinados para a alimentación aumentaron notablemente e obrigaron a moitos fogares a deixar de comprar lácteos, ovos, verdura ou legumes, peixe ou carne fresco. Actualmente, algúns indicadores sinalan unha ralentización dos prezos, mais o consumo de “fresco” estase volvendo prohibitivo para moitas persoas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta