Unhas 8.400 persoas visitaron a Feira do Viño de Valdeorras

A visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pregón de Manuel Jabois, e a visita dun grupo de prensa especializada déronlle tamén un pulo importante para que o evento teña máis repercusión mediática.

Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 13/07/2023 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

A organización da XXIV Feira do Viño de Valdeorras, a cargo do Consello Regulador, valora a ampla acollida das diferentes actividades programadas ao abeiro do foro, así coma o respaldo popular ao evento. Neste sentido, dende o organismo calcúlase que o incremento de asistentes superou nun 5% ao rexistrado en 2022 e a cifra final de visitantes acadou os 8.400. “Trátase dunha das edicións máis concorridas que se recordan”, afirmou o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos.

Ambiente da XXIV Feira do Viño de Valdeorras. Foto: Prensa CRDO Valdeorras.
Ambiente da XXIV Feira do Viño de Valdeorras. Foto: Prensa CRDO Valdeorras.

O presidente do Consello Regulador destacou tamén o amplo respaldo institucional acadado nesta edición do evento, pois por vez primeira un presidente da Xunta participou no acto inaugural da feira. “Quero trasladarlle o agradecemento do noso organismo a Alfonso Rueda e ao resto de autoridades que participaron ou asistiron ao acto tales como o conselleiro do Medio Rural, o director da Axencia Turismo de Galicia, o alcalde do Barco e os numerosos rexedores e representantes políticos da comarca”, indicou.

Tampouco lle restou importancia o máximo representante do CRDO ao pregón do escritor e xornalista Manuel Jabois que reuniu a centos de persoas na Praza de Viloira. En palabras súas: “un emotivo discurso que constituíu un verdadeiro canto de amor ao viño, á terra e á vida mesma”.

GRUPO DE PRENSA ESPECIALIZADA

A repercusión da XXIV Feira do Viño de Valdeorras seguirá incrementándose nos vindeiros días cando o grupo de xornalistas especializados de diversas partes de España que visitou o territorio amparado, coincidindo coa celebración da mostra vitivinícola, publique as súas informacións nas diferentes cabeceiras para as que traballan.

Este grupo, composto por media ducia de profesionais, coñeceu o Mosteiro de Xagoaza (Godeval), onde tivo ocasión de cear o primeiro día. Tras facer noite no Hotel Pazo do Castro, ao día seguinte os xornalistas desprazáronse ata a sé do Consello Regulador, lugar no que participaron como expertos no panel que avaliou as diferentes referencias presentadas a concurso dentro da XXIV Cata Oficial dos Viños de Valdeorras.

Con posterioridade, visitaron en Seadur a adega Pago de los Capellanes e xantaron na Cova da Xabreira. Ao finalizar, desprazáronse ata Córgomo para coñecer as instalacións da adega Guitián y Blanco e a súa contorna. Finalmente, na xornada do venres acudiron ao acto de entrega de premios dos mellores brancos e tintos de Valdeorras do ano, celebrado no Complexo Hostaleiro Paladium.

Xa o sábado, visitaron a adega O Cepado, en Rubiá. E, finalmente, asistiron ao acto inaugural da Feira do Viño, no Barco, onde puideron percorrer as diferentes casetas das adegas que participaron no foro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta