A Xunta avisa que reaccionará se se condona débeda: "Agardo que isto sexa só un tenteo"

Rueda di que non aceptará a condonación da débeda de ningunha autonomía "sen compensar a Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2023 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, critica que poida haber unha condonación de débeda "unilateral" a algunhas comundidades "sen compensar a Galicia, como mínimo, no mesmo porcentaxe" con "o único interese egoísta" por parte do PSOE de "lograr un pacto de investidura". "Non sería aceptable en absoluto e nós, desde logo, reaccionariamos", avisa.

A preguntas dos medios este mércores, Rueda advirte de que "nada de negociacións bilaterais", unha posibilidade que considera que "é moi preocupante" e subliña que "o lugar para falar de todo isto é onde están todas as comunidades autónomas co Goberno central, que é o Consello de Política Fiscal e Financeira".

Lembra que o PSOE "tivo cinco anos de goberno" para reunir ao Consello de Política Fiscal e Financeira e abordar o financiamento autonómico, "que é o que están a pedir de todas as comunidades autónomas, incluídas as do Partido Socialista". "Nunca quixo facelo, por algo sería, e agora estamos a ver por que, porque vén moito mellor facer negociacións bilaterais, excluíndonos a todos os demais", lamenta.

A este respecto, Rueda apunta que "hai que distribuír entre todas as comunidades" os recursos públicos para atender aos servizos básicos. "Non se pode utilizar co único interese de ser investido ou de lograr uns apoios puntuais, iso é unha mostra de insolidariedade absoluta", deixa claro. Así, móstrase en contra de "beneficiar a alguén para prexudicar a todos os demais", polo que "Galicia non o pode permitir".

Nesta liña, o titular do Executivo autonómico reproba que poida haber unha condonación a "aquelas comunidades autónomas que acudiron ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), é dicir, que lle pediron diñeiro prestado ao Estado porque non eran quen de financiarse con normalidade, como si que foi Galicia neses anos", o que iría "en detrimento de outras moitas comunidades". "Espero que simplemente sexa un tenteo e espero que finalmente todo iso non se confirme", opina.

Juan Carlos Aladro, Alfonso Rueda e Miguel Santalices. MONICA ARCAY CARRO
Juan Carlos Aladro, Alfonso Rueda e Miguel Santalices. MONICA ARCAY CARRO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta