Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2023 | Actualizada ás 17:58
O Festival da Luz inclúe este ano un novo escenario para os 10 artistas e grupos emerxentes da aceleradora de proxectos musicais que a Xunta de Galicia está a desenvolver en colaboración coa Fundación Paideia Galicia. Con iso, o evento de Boimorto contará cun escenario 'Sonemerxente', que toma o seu nome do desta iniciativa, polo que o sábado 26 pasarán Paraíso Canto, Samudra Trío, Zeltia Irevire, De Ninghures, Adrian Timms e Hydn, mentres que o domingo 27 será a quenda de Ani Baires, Helena Egea, Law e Mondra.
Todos eles incorpóranse así á programación do encontro, que na última fin de semana de agosto reunirá máis dunha trintena de coñecidos nomes do panorama estatal e galego, con Reincidentes, Viva Suecia e Rayden como cabezas de cartel. Ademais desta colaboración, o Festival da Luz volve contar co apoio económico da Consellería de Cultura a través da convocatoria anual de subvencións para festivais de música e de artes escénicas, que en 2023 distribúe a súa dotación de 575.000 euros entre 26 eventos de toda Galicia.
IMPULSO DO TALENTO
O conxunto de participantes na primeira edición de Sonemerxente está a vivir "unha experiencia de impulso e dinamización estruturada en dúas etapas", destaca a Xunta. A primeira delas centrouse en sesións individuais e colectivas de mentorización ao redor de asuntos capitais na industria musical como a produción, a promoción ou o modelo de negocio. A segunda, na que se sitúan os seus concertos no Festival da Luz, dedícase á participación dos artistas en circuítos, festivais, encontros con medios ou a asistencia a mercados profesionais, tanto dentro como fóra de Galicia.
Para darlle continuidade a esta aceleradora musical, a Xunta iniciou a semana pasada o proceso de selección da entidade colaboradora para a xestión da que será a segunda edición da iniciativa, na que participarán ata un máximo de 12 novas formacións.
FESTIVAL DA LUZ
O Festival da Luz ofrece unha experiencia musical, cultural e festiva para todos os públicos que, ademais, pon en valor o rural galego. A edición de 2023 arrincará o venres 25 cos concertos que ofrecerán Reincidentes, Brothers in Band, Nena Polaca, Locomía, Lady Banana e Voltereta. Ao día seguinte, chegará a quenda de Viva Suecia, Luar na Lubre, O Langui, Ladilla Rusa, Ramoncín, Roi Méndez ou Samesugas, ademais dos primeiros concertos do escenario Sonemerxente. O domingo encargaranse de pechar o festival nomees como Rayden, Heredeiros da Crus, Vicco, Os Motores, A Plazuela, Paula Cendejas ou Maren.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.