Humidade e ceos anubrados tras o anticiclón na Galicia atlántica

A Xunta mantén en risco extremo de incendios toda a provincia de Ourense, Lugo fóra da Mariña e zonas de Pontevedra e A Coruña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2023 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

A maior parte das provincias da Coruña e Pontevedra amenceu este mércores con ceos cubertos de nubes e con humidade, un fenómeno coñecido como "néboas de advección" que é habitual na metade atlántica galega tras varios días consecutivos de anticiclón.

É algo "completamente normal e que pasa todos os veráns", segundo explica María Souto, de Meteogalicia, a Europa Press. Ocorre tras xornadas de anticiclón e con ventos do nordés que deixan o ceo limpo de nubes pero que, no entanto, provoca un arrefriado da temperatura do mar, sobre todo nas Rías Baixas.

Desta maneira, cando pasados os días o anticiclón retírase e pérdese o nordés, entra vento desde o oeste que arrastra cara a terra a humidade e o frío que estaba sobre a superficie da auga e se condensa.

As néboas de advección, explica María Souto, non chegan a Lugo e Ourense, que este mércores continuarán con ceos despexados a pesar de que algún vento do oeste si podería afectar. Por isto mesmo, no interior "vai facer calor, pero non vai subir tanto como onte a temperatura".

A onda de calor deixou o martes en Ourense o valor máis alto do que vai de ano (42,5 graos) nun contexto de alerta laranxa. Este mércores, a previsión é que as temperaturas máximas na cidade das Burgas queden na contorna dos 38, cun aviso de nivel amarelo que tamén afectará á parte sur da provincia e a todo Lugo, fóra da Mariña.

Nas provincias da Coruña e Pontevedra, as néboas mañaneiras poderanse romper desde mediodía ou primeira hora da tarde, aínda que continuará a influencia da humidade e este fenómeno repetirase na xornada do xoves. Así, a calor non golpeará ás cidades do eixo atlántico como o fixo o martes: Ferrol alcanzará os 30 graos e A Coruña os 28, pero Santiago, Vigo e Pontevedra quedarán na contorna dos 25.

RISCO DE INCENDIOS

En paralelo, o mapa de risco de incendios forestais que cada día elabora a Consellería do Medio Rural da Xunta advirte de que toda a provincia de Ourense, Lugo --salvo A Mariña-- e varias zonas de Pontevedra e A Coruña estarán en nivel extremo.

Ademais, o resto de Galicia estará en risco alto e moi alto, fóra de puntos da Costa da Morte e a península do Barbanza.

Ceo anubrado e húmero en Santiago de Compostela, a 9 de agosto de 2023.
Ceo anubrado e húmero en Santiago de Compostela, a 9 de agosto de 2023. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta