O BNG reclama "transparencia" ao goberno da Deputación de Ourense e un Plan Único para os concellos

Entre eles, fixeron especial fincapé na necesidade dun Plan Único "debidamente financiado", un cambio no modelo de contratacións e a recuperación da xestión de servizos públicos externalizados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2023 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

O grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego (BNG) na Deputación de Ourense, composto por Bernardo Varela, María Mangana e Xosé Manuel Puga, presentou este mércores a que será a súa folla de ruta neste mandato, pondo o peso en reclamar "unha maior transparencia" e un Plan Único "debidamente financiado" para os distintos concellos.

Nunha rolda de prensa, os nacionalistas expuxeron os puntos que consideran fundamentais para estes próximos anos na Deputación Provincial ourensá. Entre eles, fixeron especial fincapé na necesidade dun Plan Único "debidamente financiado", un cambio no modelo de contratacións e a recuperación da xestión de servizos públicos externalizados.

Sobre o Plan Único, o BNG volveu a insistir na importancia de garantir a repartición de polo menos o 25 % dos fondos do ente provincial entre os 91 concellos que non superan os 20.000 habitantes. Petición que, ao longo do últimos catro anos, levaron ata en 19 ocasións a pleno, chegando mesmo a demandar unha lei que obrigase ás deputacións a repartir polo menos unha cuarta parte dos seus fondos entre os concellos en base a criterios obxectivos.

"O BNG volverá facer bandeira neste mandato desta reivindicación en apoio aos concellos da provincia, e esixirá un plan único dotado de 25 millóns de euros a repartir entre os municipios e a entidade menor de Berán, en base a criterios obxectivos", trasladou o portavoz da formación, Bernardo Varela.

Os nacionalistas esixen un financiamento base de 100.000 euros por Concello e ata 450.000 euros de financiamento a repartir en base a criterios obxectivos "acordados por todas as organizacionespolíticas no seo da FEGAMP". "Este modelo suporá dotar aos concellos de fondos para que fagan fronte ás súas necesidades", sostivo Varela.

ADXUDICACIÓN DE CONTRATOS

Outro dos puntos craves será a "eliminación da discrecionalidad e a arbitrariedade" na adxudicación de subvencións nominativas e contratos de obra "a dedo". Así o sinalou a deputada María Mangana, insistindo na necesidade de cambiar un modelo de xestión provincial "baseado na repartición de fondos a través de contratos menores e a falta de transparencia nos criterios de contratación".

O BNG criticou a "utilización abusiva" do procedemento do contrato menor sen publicidade nin concorrencia, e lamentou que este sistema impide que outras empresas presenten ofertas que melloren a obra ou que rebaixen o prezo, polo que piden que sexa un "modeloexcepcional".

Na mesma liña, defenderon "un cambio radical" en materia de contratación de persoal "para pór fin a máis de tres décadas de clientelismo do PP", e permitir que as prazas de Oferta Pública de Emprego "sexan por mérito e capacidade e non por apelido", así como que se cubran "con rigor e transparencia".

XESTIÓN DE SERVIZOS

Así mesmo, márcanse como obxectivo a recuperación da xestión de servizos públicos externalizados e, en concreto, puxeron o foco en que o servizo de recollida de lixo siga exercéndose desde a propia Deputación Provincial, advertindo que o Partido Popular "leva anos tentando privatizalo".

Ademais, avanzaron que apostarán polo apoio ao desenvolvemento do tecido socioeconómico da provincia defendendo os sectores produtivos e criticaron as "nefastas políticas do Partido Popular" en canto aos índices de despoboamento, envellecemento e "abandono do medio rural, que é o máis alto de todo o Estado".

A maiores, fixeron referencia á situación dos aproveitamentos eléctricos da provincia, trasladando que será un dos puntos que non deixen descoidados, falando dos "proxectos eólicos descontrolados" e da "nova mega central hidráulica reversible" en Castrelo de Miño, Cartelle e Arnoia.

Finalmente, os deputados provinciais avanzaron a que será a primeira moción do BNG no Pleno provincial deste mes de setembro: esixirán a execución total do viario de conexión entre a N-525 e o barrio de Barrocás para permitir a mellora dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Bernardo Varela, BNG. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Bernardo Varela, BNG. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta