Precisamos recuar no tempo máis de cinco séculos para atopar algunha evidencia do nacemento do mito fundacional de España. Os Reis Católicos, naquel contexto, pode que pensasen anexionar e gobernar os territorios diversos da Península Ibérica como un espazo de cristiandade, pero aínda así mantiveron por separado as Cortes de Castela e Aragón; ou sexa, que, no mellor dos casos, só ían tras a unidade relixiosa e, aínda así, tiveron que empregar a forza; e non calquera: a da Inquisición.
O acordo entre os Reis Católicos e Cristóbal Colón ten para min a consideración dun contrato entre un poder “altruísta” e un mercenario “patriota” que se foi ofrecendo ao mellor pagador, indo de Portugal a Francia antes de asinar as Capitulacións de Santa Fe cun forte contido mercantil, sen referencias ás cuestións relixiosas, aínda que ninguén dubida do obxectivo de impoñer unha fe naquela viaxe. En dito documento quedaron reflectidas en favor de Colón as seguintes condicións: título vitalicio e hereditario de Almirante do mar oceánico; vicerrei e gobernador das terras nas que puxese un pé; o dereito a percibir a décima parte de todos os tesouros e mercadorías; a autoridade para intervir e decidir sobre os problemas que se orixinasen nas devanditas cuestións das riquezas e o dereito a contribuír, sen preguntar a ninguén, coa oitava parte dos gastos de calquera expedición que logo cobraría dos beneficios obtidos.
Dous séculos despois, houbo o primeiro intento de unidade política con Felipe V de Borbón (o primeiro da dinastía), que importou un esquema centralizado desde Francia. Como bo francés que era, sempre quixo regresar ao seu país. Xamais entendeu o que era España.
A festa que Madrid celebra o dous de maio ten un contexto: a batalla de Trafalgar, onde España dixo adeus ao seu poder e ao seu imperio coa independencia dos territorios “americanos”. Abonda con lembrarmos o acontecido en Cuba, Puerto Rico e Filipinas. A guerra contra a invasión francesa, baixo o mando de Napoleón Bonaparte, ten este precedente importante, fracaso da conquista de Inglaterra. O obxectivo “confesable” diso era impoñerlle un bloqueo económico, para o que precisaba do territorio de Portugal, chegando a un acordo con Manuel Godoy, valido do monarca de España, Carlos IV. No 1808 as tropas francesas, en vez de achegarse a Portugal, en colaboración cos seus socios españois de conveniencia, OKUPARON as cidades de Burgos, Salamanca, Pamplona, Donostia, Barcelona, Figueres e Madrid, aproveitando a viaxe. Tamén neste caso houbo derivada e, a canda a liberación popular, os movementos internos de confronto entre liberais e conservadores deixaron pegada antes de aprobar a Constitución do 1812 nas Cortes de Cádiz. A belixerancia exterior comeza a concentrarse no interior.
O século XIX foi de mal a peor e, para manter o mito, tres guerras civís que chegaron ata o século seguinte na pelexa sucesoria aínda que tamén tivo unha derivada coas liortas entre o liberalismo e os defensores dos foros. As guerras Carlistas son outro dos feitos determinantes na dialéctica histórica que trouxo aquel mito fundacional.
Seguramente estes derradeiros procesos levaron a Ortega e Gasset a formular a súa aceptación forzada do nacionalismo dentro da unidade histórica daquela España. Ou a Antonio Machado, e logo a Galdós, a fundamentar a tese das “dúas Españas”, entre un pobo que loita e as clases dirixentes, que só defenden os seus intereses. E talvez a Unamuno a dicir que o pobo que loita representa a intrahistoria ou a historia da xente que non ten historia.
E, así, paseniñamente, achegámonos pouco a pouco aos tempos de hoxe, onde as elites políticas do aparello do Estado teñen medo de perder os seus privilexios tecidos na transición, como onte as tiveron aqueles actores da ditadura, obrigados a impulsar, desde dentro, unha reforma política na que a monarquía vai substituír na Xefatura do Estado ao cabeza do “golpe” do 1936 contra a República. Unha herdanza fundamentada nos principios que o ditador deixou na escrita do manifesto “atado e ben atado”.
A oportunidade histórica da moribunda ditadura non foi aproveitada e, de novo, o mito fundacional daquela España quedou blindado na Constitución Española. A nación de nacións, debuxada no devandito texto e que logo foi sancionada por un referendum daquel xeito, é a mellor demostración do que acabo de afirmar. Unha fusión de novo forzada, talvez a única acordable polas partes negociadoras naquel momento histórico, no que misturaron adrede dous conceptos de nación: a nación política (a de verdade), con tres nacións culturais (cun recoñecemento histórico degradado). E, para máis chapuza, o reclamo dunha Andalucía ferida por quedar fóra daquel convite constitucional pechou o circulo continuísta da mitificación, co obxectivo dun só Estado e dunha única soberanía nacional. Aceptar o acordo de mínimos do 1978, obrigado polo contexto no que se produciron os feitos, foi unha coartada para impoñer de novo o mito dunha unidade disque forxada ao longo de máis de cincocentos anos.
Son das persoas que cren que hai unha vella veta autoritaria na cultura política española maioritaria, que agroma na resultante da crise actual, que non é só económica, senón tamén política e institucional. Unha maioría social demanda unha saída, mentres a dinámica histórica impón a continuidade.
A saída da crise non pode facerse esquecendo os dereitos dos cidadáns, as novas canles de participación na relación co poder, o control independente deste, a libre decisión para as nacións sen estado e institucións republicanas. As reformas que tanto PP como PSOE están a propoñer da lei electoral teñen un obxectivo, se os votos xa non chegan reformar a lei electoral para reeditar situacións anteriores, cando o desprestixio do poder é moi grande Unha refundación patrioteira para perpetuarse
De novo aparece no horizonte a tendencia histórica española de refuxiarse en pasados mitificados de heroes e tumbas. O discurso da perda é moi perigoso. Gunter Grass advertiullo aos alemáns. Xera rabia polo refugallo imaxinado. É o caldo de cultivo de mesías e masas seguidistas. Bágoas e sufrimento esperan aos pobos unha vez tomadas derivas como as que estamos a vivir, que son caldo de cultivo para caudillos.
España, no mellor dos casos, representa a síntese dun pasado forxado no belicismo externo e interno que trouxo un presente con moitas eivas. Calquera relato histórico pode debaterse e interpretarse. As grandes “verdades” como a da unidade forzada non se debaten, impóñense.
Non vou negar que unha maioría de españolas e españois sintan aquilo que foi conformándose á sombra do poder político e relixioso dominante durante tantos anos, pero, por favor, non me impoñan o seu mito.