Un comité de expertos único e personalizar terapias: a estratexia galega de oncoloxía de precisión arrincará en 2024

Rueda destaca que esta folla de ruta deixa "aberta a porta á esperanza", porque permitirá "pór nomes e apelidos" a cada tumor.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2023 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

Galicia arrincará en 2024 a implantación da súa nova estratexia de oncoloxía de precisión. Con esta folla de ruta, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) estará dotado dun comité de expertos único (que xa arrincará a súa actividade esta mesma semana) e dunha "estrutura colaborativa en rede", co obxectivo de sumar coñecemento para dar a mellor resposta e o mellor tratamento para cada caso concreto de cancro.

Trátase dunha iniciativa incluída na estratexia para a xestión do cancro en Galicia e que foi presentada este mércores nun acto na Finca da Rocha, en Santiago de Compostela, coa intervención do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal. Tamén asistiron o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e decenas de expertos que participaron na elaboración deste plan.

O presidente valorou que esta estratexia deixa "aberta a porta á esperanza" para os pacientes oncolóxicos, tanto dentro como fóra da Comunidade galega. Trátase, dixo, de "pór nomes e apelidos a cada tumor" e aplicar unha "estratexia personalizada" para cada un tras un traballo "en rede".

"É un orgullo que nun sitio tan pequeno como Galicia, que é apenas o seis ou sete por cento da poboación de España (...), esteamos a facer as cousas tan ben e con tanta responsabilidade", reivindicou, á vez que se referiu ao centro de terapias avanzadas CAR-T que a principios de 2024 entrará en funcionamento en Santiago.

"UN ANTES E UN DESPOIS"

O encargado de abrir a presentación (cunha intervención na que repasou a historia da humanidade e da xenética) foi o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, quen cualificou á estratexia de "punto de inflexión" que vai marcar "un antes e un despois" para a oncoloxía de precisión.

Ademais, Aboal avanzou que, aínda que "a maioría" de estratexias que deseña a Xunta márcanse un período temporal, esta non o ten (tampouco conta cun orzamento específico) porque é un campo que "avanza a gran velocidade" e hai vontade de "ir actualizandoa e pondoa no nivel máis alto dos coñecementos científicos aplicados".

O director xeral marcou como "grandes obxectivos" desta folla de ruta a redución do impacto do cancro na sociedade; dar un maior acceso "temperán e equitativo" aos tratamentos para todos os galegos; facilitar o intercambio de coñecemento no ámbito da investigación; e achegar solucións a estas enfermidades.

Con estas intencións, o Sergas dotarase dun comité molecular de tumores que será único para toda Galicia e permitirá "traballar de modo centralizado" e "homoxeneizar" o acceso ao diagnóstico e ás terapias. Segundo avanzou o conselleiro de Sanidade, ao termo do acto, esta semana xa estará en funcionamento este órgano e servirá, sobre todo, para discutir de modo conxunto aqueles casos máis complexos ou dubidosos. En todo caso, non entanto, a última palabra será o paciente.

Á parte deste comité, a sanidade galega funcionará como unha "rede deslocalizada de coñecemento", segundo destacou Aboal. Deste xeito, non será necesario que os profesionais traballen xuntos fisicamente, senón de que "cada un, desde o seu posto de traballo, poida dar a súa mellor resposta". "Temos que ser sinérxicos, saber que a forza de todas as áreas sanitarias sumadas é a que nos dá a potencia como Servizo Galego de Saúde", resumiu Aboal, quen puxo como exemplo como na pandemia da covid Galicia funcionou como unha "UCI única".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presenta a estratexia galega de oncoloxía de precisión ante o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e decenas de expertos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presenta a estratexia galega de oncoloxía de precisión ante o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e decenas de expertos | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta