Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2023 | Actualizada ás 17:01
A asociación Hostalaría de Galicia, na que participan as entidades provinciais deste sector, considera que "nestes momentos non hai necesidade nin motivos" para implantar unha taxa turística como Santiago de Compostela propuxo á Xunta.
Así llo trasladaron os seus representantes nunha reunión ao xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, e ao responsable de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, con quen abordaron os retos do sector. Sobre esta cuestión de actualidade, os responsables da asociación cren que "en caso de querer aplicar este tipo de imposto nalgún concello, a decisión final debería tomarse en consenso co sector hostaleiro e turístico de cada localidade".
Ademais, engaden, "deberá quedar moi claro quen a vai a recadar, como e a quen irán destinados eses fondos", pois entenden que "deberían dirixirse a melloras dentro do propio sector".
No encontro, no que participaron Cheché Real, Héctor Cañete, Ovidio Fernández e César Ballesteros, presidentes das asociacións de Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, apuntouse que "a formación continua" segue sendo "primordial, tanto para as novas xeracións como para todos os profesionais que xa se dedican á hostalaría", dado que "a falta de persoal é o principal reto ao que se están enfrontando estes negocios e a substitución xeracional continúa sendo unha das preocupacións". "Facer da hostalaría unha saída profesional atractiva está nas nosas mans e, para iso, necesitamos máis que nunca o apoio das administracións", reclamaron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.