O PSOE denuncia que é "imposible acceder aos movementos do coche presidencial" da Deputación de Ourense

Os socialistas urxen a implantación do voto telemático no pleno do organismo provincial.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 05/10/2023 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

O grupo provincial do PSOE na Deputación de Ourense denunciou "inexactitudes e falsidades" que foron "vertidas" polos 'populares' durante o pleno da pasada semana, e criticou que o PP esgrimiu "medias verdades que non falan da auténtica realidade na utilización do parque móbil" do organismo.

O PSOE levou ao pleno da Deputación Provincial a pasada semana unha moción na que pedía unha maior fiscalización e racionalización no uso dos coches oficiais do parque móbil, pero a proposta foi denegada cos votos contrarios do PP, que alegaba que xa existe un código de uso en vigor desde 2013 e que a Deputación "aínda non deu motivos" para que fose necesaria tal moción.

Agora os socialistas denunciaron que, a pesar de que pediron o código de uso do que o PP falou no pleno, non llo deixaron ver, e conclúen que "é porque non existe regulamento ningún aprobado e publicado". Si conceden a existencia dun prego de condicións para a instalación de dispositivos de seguimento en certos utilitarios da Deputación, pero critican que é unha licitación para cambiar os dispositivos xa existentes e que non afecta os coches de uso dos cargos.

O grupo socialista insiste ademais en sinalar que non se actualiza a lista do parque móbil da Deputación desde o 2019 e denunciou a "imposibilidade de acceder aos movementos do coche presidencial". Segundo o deputado do PSOE, Nacho Gómez, "non se puxo ao día a relación de vehículos oficiais da Deputación desde o 2019" e "non se rexistran as entradas e saídas dos coches de Presidencia", polo que esa información "non está ao alcance da cidadanía como aseverou o Partido Popular". É por iso que avanzou que o seu grupo volverá presentar esa moción proximamente.

VOTO TELEMÁTICO

Por outra banda, os socialistas urxiron a implantación do voto telemático, dado que esa moción saíu denegada pola ausencia de dous deputados, un de Democracia Ourensana e un do Bloque Nacionalista Galego (formacións que votaron a favor). Desde o PSOE apuntaron que, nunha lexislatura na que por primeira vez o Partido Popular non ten a maioría absoluta, "o cal implica unha das maiores doses de política e de negociación", "non é de recibo, por faltas puntuais, que as propostas non prendan".

Así mesmo, censuraron que a instauración do voto por escrito e do voto telemático foi aprobada en sesión ordinaria na Deputación de Ourense o 29 de decembro de 2013 e que, actualmente só funciona o voto por escrito, sen instaurarse o sufraxio telemático, a pesar de que pasou unha década.

Luís Menor
Luís Menor | Fonte: DO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta