Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 10/10/2023 | Actualizada ás 13:28
Galicia é a segunda rexión española con máis minas que xeran grande impacto ambiental sobre a zona na que se ubican, rematando coas paisaxes, o patrimonio histórico e mesmo coa fauna e a flora dos ríos e ecosistemas próximos, supoñendo tamén un quebradeiro de cabeza para os veciños de poboacións lindeiras. En total, un mapa ofrecido polo Observatorio Ibérico da Minería (MINOB) sinala 21 casos estudados e comprobados, só superados polos 24 de Andalucía.
O MINOB e Ecoloxistas en Acción organizan o primeiro encontro ibérico sobre os impactos sociais e ambientais da minería. Trátase da primeira edición deste espazo de reflexión, aprendizaxe e convivencia no que participarán medio cento de representantes de distintos movementos, plataformas e colectivos implicados na resistencia a proxectos mineiros de España e Portugal. Estremadura foi a comunidade escollida para celebrar este primeiro encontro pola avalancha de novos proxectos mineiros que afectan a este territorio, que inclúen as minas de litio de Cáceres e Cañaveral, a mina de níquel de Aguablanca ou a mina de cobre e ouro de Alconchel.
En concreto, o MINOB lanzouse hai un ano a documentar as vulneracións de dereitos sociais e ambientais causadas pola industria extractiva en toda a xeografía peninsular, facendo públicas as evidencias existentes sobre cada caso. Froito do traballo de investigación colaborativo de decenas de colectivos, entre os que se inclúe Ecoloxistas en Acción, esta semana presentáronse máis de 100 casos xeorreferenciados que desvelan a magnitude do problema.
O observatorio expón todo tipo de situacións, desde ataques, ameazas ou preitos intimidatorios contra activistas ata explotacións clandestinas que operan sen permisos ou sen someterse a unha avaliación de impacto ambiental. Tamén se documentan infraccións de dereitos laborais, como malas condicións de traballo ou obstáculos á actividade sindical. Moitas destas minas atópanse, ademais, en espazos protexidos ou nas proximidades de poboacións, nas que provocan problemas de saúde e impactos ambientais por emisións de po ou contaminación das augas.
A maioría dos casos incluídos son de Andalucía, con 24 explotacións, e Galicia, con 21, pero Joám Evans, coordinador do observatorio, advirte de que "isto é só a punta do iceberg", xa que contan cunha lista de 400 casos pendentes de documentar e nos últimos meses uníronse entidades de territorios nos que ata o de agora non se estaba investigando. "É sorprendente atoparse con tantas explotacións ilegais, cando tanto desde o sector como desde as administracións insístese tanto no mito da minería responsable e sostible", remarca Evans.
O portal documentou máis de 400 infraccións ambientais, que inclúen verteduras, contaminación por po ou afectación a bens culturais, e case 300 infraccións relacionadas coa falta de autorizacións ou permisos ilegais, falta de restauración ou avais financeiros e corrupción administrativa. Desde o observatorio conclúen que detrás destas malas prácticas está a falta de control por parte das administracións, o que xera un ambiente de impunidade xeneralizado.
ALGÚNS DOS CASOS GALEGOS
MINA DE TOURO. Tras explotarse a ceo aberto entre 1974 e 1987, abandónase sen restaurar e é usada para procesar e verter residuos. A mina foi responsable da inxección de metais pesados ao sistema fluvial do Ulla e á ría de Arousa. Está en trámite un proxecto de reapertura. En 1987 Río Tinto Patiño solicita a paralización e cese definitivo da actividade sen proceder á restauración. En 1993 adquire os dereitos mineiros EXGA, que mantén vixentes as concesións explotando áridos para a contrucción. Dende 2010 sucedéronse os intentos para reaperturar a mina, en mans agora de Cobre San Rafael. Na actualidade os vertidos fan que varios dos cauces (Portapego, Felisa, Burgo, Pucheiras, afluentes dos ríos Lañas e Brandelos) presenten altos niveis de contaminación por metais pesados, que afectou ás poboacións de salmón do ría Ulla, entre outras problemáticas.
CANTEIRA DO CASTRO DA TRINIDADE. A explotación atópase sobre un xacemento da Idade de Bronce: o Castro da Trinidade, afectado de forma crítica ante a pasividade das administracións implicadas. A Administración de Patrimonio tentou descatalogar o Castro no 2016, o que levou a incoación de dilixencias penais por parte da Fiscalía. A explotación, da que se extrae cuarcita e pedra caliza para realizar obras nas estradas, está activa na actualidade, pertencendo a Canteras Santa Cecilia. Na Declaración de Efectos Ambientais da explotación ditada en 1997 establecíanse límites para salvagardar o xacemento da Idade de Bronce, pero non foi así, e mesmo se ocupou o ámbito de protección do Camiño de Santiago do Norte (ruta da Costa), declarado como Ben de Interese Cultural.
CANTEIRA DA PEREDA. A canteira atópase dentro do Parque Natural da Serra da Enciña de Lastra e levaba anos abandonada ata que se reanudou a extracción de pedra caliza no 2011. A ausencia de actividade debería levar á caducidade da autorización. Denegouse ás ONGs o acceso á información medioambiental e ignoráronse as peticións de declaración de caducidade. En 2022 a canteira e os permisos saíron a subasta. A Sociedade Galega de Historia Natural manifestou que a operación provoca un impacto severo, permanente e irreversible sobre a paisaxe, a flora e a fauna de 7 hectáreas da cabeceira do río Pereda.
CANTEIRA DE VILAVELLA. Operou durante décadas sen licenza municipal sobre a Cova Eirós, xacemento con pinturas e grabados rupestres de 30.000 anos de antigüidade, declarado Ben de Interese Cultural, e a pouca distancia do Camiño de Santiago. A empresa utilizou SLAPPs contra opositores á mina. A explotación estivo en funcionamento dende 1978, con breves paralizacións na última década por esa carencia de licenza. A caliza é procesada nas plantas de cemento que a empresa ten en Sarria e Toural dos Vaos. Actualmente propiedade de Votorantim Cimentos, a asociación O Iríbio solicitou reiteradamente a declaración da cova como Ben de Interese Cultural en 2009 e anos posteriores, pero a Xunta bloqueou o inicio do expediente de incoación durante case unha década, véndose forzada por un procedemento xudicial e un informe do Consello da Cultura Galega.
MINA DE SILÁN. A mina abandonouse nos anos 90, nunca se restaurou e as concesións caducaron. A pesar diso, tras varios intentos, en 2022 as autoridades aprobaron un novo proxecto de mina a ceo aberto sen avaliación de impacto ambiental e ignorando a proximidade a vivendas, zonas protexidas e zonas arqueolóxicas. A empresa mineira que comezaría a extracción en 2023 co obxectivo de extraer 11 millóns de toneladas de feldespato foi Urbas Grupo Financiero. Así, aínda que a mina está a só un quilómetro do espazo protexido da Rede Natura 2000 Serra do Xistral, o proxecto seguiu adiante sen avaliación que inclúa as posibles repercusións sobre o Lugar de Importancia Comunitaria. O proxecto prevé catro zonas de explotación (Penalonga, Evalio, Kaspar e Forster). A zona de Forster atópase a menos de 50 metros do núcleo de Navallo de Arriba, polo que é probable que produza contaminación atmosférica, acústica e vibracións. A zona de Kaspar atópase dentro do perímetro protexido do túmulo neolítico de Mámoa do Chao do Navallo.
LOUSEIRA DE VILARBACÚ. Canteira cunha fronte de explotación a ceo aberto a tan só 100 metros do núcleo poboacional de Vilarbacú. É responsable de episodios de contaminación ao río Quiroga, incluíndo zonas situadas dentro do LIC Os Ancares-Courel, cuxo límite foi modificado para deixar fóra á explotación. A canteira explótase conxuntamente con outras dúas (Cupiga e Pebosa) adquiridas polo mesmo empresario en 2014 a través da empresa Piquisa. Pizarras de Villarbacú, empresa responsable da explotación, foi unha das que se opuxo á clasificación dos espazos naturais de O Courel como parte da Rede Natura 2000, levando a que actualmente a súa concesión e outras próximas formen un enclave no espazo protexido.
MINA ESMERALDA. Os traballos a ceo aberto avanzaron cara un castro da Idade de Ferro e un castelo medieval, afectando ao perímetro do xacemento arqueolóxico. A mina ten capacidade para producir 50.000 toneladas de cuarzo ao ano. Os minerais envíanse por estrada a outra mina en Tordoia para o seu procesado. Así, a mina, preto do Castelo de Portomeiro, fortificación utilizada desde a Idade de Ferro ata o medievo, está provocando destrozos. En 2008, un concelleiro advertiu de que se estaban levando a cabo actividades mineiras dentro da zona protexida e os residentes tamén se queixaron de contaminación acústica.
MINA ABERTA I. Proxecto de mina de litio tramitado sen someterse á avaliación de impacto ambiental e impedindo a participación pública. A administración mantivo o permiso de investigación vixente durante máis de dúas décadas, tras varios intentos de tramitar o proxectos mineiro. A empresa S.A. Minera Catalano-Aragonesa está en trámites para reactivalo. Os proxectos de explotación presentados en 2013-2014 e 2018-2022 indicaban seis sectores ao longo de 10 quilómetros (Presqueiras, Correa, Coto Tocayo, Acevedo, Rubillón e Taboazas), a explotar combinando minería a ceo aberto e subterránea. Os proxectos non abordan cuestións críticas relativas ao drenaxe da mina e á xestión dos residuos.
MINA DE SAN FINX. Mina cun longo historial de contaminación por metais pesados, que afecta á ría de Muros e Noia e aos seus bancos de marisqueo. Reaberta en 2009 sen avaliación de impacto ambiental e deixando as presas de residuos abandonadas sen restaurar, conta con varios procesos penais abertos por delitos de contaminación e prevaricación. Foi abandonada en 1990 e 2007, pero as súas concesións mantivéronse vixentes ilegalmente, sendo reaberta no 2009, operando ata 2013, cando a empresa concesionaria quebrou. Adquirida por Sacyr en 2015 pero obrigada a suspender os labores en 2018 por falta de permisos. As operacións permaneceron suspendidas dende entón, pois hai presenza de materiais radiactivos no xacemento, entre eles uranio.
CANTEIRA DE CASALNOVO. Esta canteira de áridos e planta de formigón ocupa 12 hectáreas e atópase parcialmente dentro do Parque Natural de Corrubedo, o que causa impactos nel por ruído, po e verteduras. En 2014 as voladuras causaron graves danos a unha vivenda próxima, ao caer rochas sobre o tellado e impactar nun dormitorio. A canteira está actualmente operativa, explotada por Hormigones de Xarás. As viviendas máis próximas atópanse a escasos 200 metros da zona da canteira. En fronte da explotación avánzase cara o Castro do Monte da Cidá, un asentamento fortificado da Idade de Ferro que se atopa a só 300 metros.
MINA DE CORCOESTO. Proxecto de mina a ceo aberto que recibiu DIA favorable en 2012 tras un proceso con numerosas irregularidades e obstáculos á participación pública. En 2014 denegouse o proxecto no medio dun escándalo de corrupción no que altos cargos demandaran sobornos á empresa. As concesións de Corcoesto outorgáronse entre 1912 e 1916, explotándose por última vez nos anos 20. A pesares de estar caducadas, en 2011 tramitouse un proxecto de explotación, denegado en 2014. En 2015 declarouse a caducidade das concesións. A minaría histórica na zona contribuiu á presenza de altos niveis de arsénico nas augas subterráneas e superficiais, presentando os manantiais da zona concentracións moi altas de arsénico, ao igual que as augas subterráneas, con ata 59 veces a concentración máxima admisible. A contaminación chega ata o río Anllóns, designado como LIC da Rede Natura 2000, e o seu estuario, coa Xunta negando tales evidencias.
CANTEIRA DAS VIÑAS. A canteira foi autorizada cunha Declaración de Efectos Ambientais do ano 1996, pero só se realizou actividade testemuñal. En 2021 outra empresa, Francisco Gómez y Cía, fíxose coa canteira nun concurso de acredores e iniciou a actividade, provocando continuos episodios de arrastres en estradas e ríos próximo, como o Xuvia, zona de especial proteción da Rede Natura 2000, que presenta ocasionalmente unha intensa turbidez a partir da confluencia do regato procedente da canteira. Na canteira extráense esquistos.
MINA DE VARILONGO. Mina cun longo historial de contaminación por metais pesados que afectan a regatos e humadais próximos. Abandonada no 1988, reabriuse no 2011 sen avaliación de impacto ambiental e deixando sen restaurar as presas de residuos e os labores mineiros abandonados. Abríronse procedementos penais e sancionadores por contaminación e prevaricación. O novo propietario quebrou no ano 2013 tras gastarse na mina cantidades importantes de subvencións públicas. As operacións permaneceron suspendidas dende entón, aínda que o vaciado da mina subterránea reiniciouse no 2020. Estase a preparar un novo proxecto a ceo aberto para a súa tramitación. O xacemento inclúe cantidades significativas de arsenopirita. A contaminación por metais pesados afecta aos regatos contiguos á mina (Rego da Braña Ancha e Rego dos Lagos), ambos afluentes do río Xallas, que se atopa a seis quilómetros augas abaixo.
CANTEIRAS DOS PENEDOS DE PASARELA E TRABA. A extracción iniciouse ilegalmente no ano 1997 ao amparo dun permiso de investigación, pero sen autorización, proxecto, licencia urbanística ou avaliación de impacto ambiental. As obras causaron danos irreparables á paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, e a restauración parcial tardou 14 anos en iniciarse. A explotación apenas tivo lugar durante dous anos, 1997 e 1998, momento no cal algúns elementos máis singulares do conxunto natural foron danados. Os intentos posteriores por reabrir a canteira fracasaron.
MINAS DO MONTE NEME. Minas abandonadas en 2014 sen restauración e sen avais económicos que permitisen acometer a recuperación dos terreos unha vez extinguida a empresa. En 2014 prodúxose unha falla crítica das balsas de residuos, existindo contaminación permanente das augas con metais pesados. Aunque a explotación de estano e volframio cesou nos anos 1980, a ultima concesionaria mantivo os dereitos mineiros ata 2015, extraendo da zona cuarzo e áridos. En 2011 solicitouse a paralización temporal, quedando abandonada a mina coa liquidación da empresa. As concentracións tóxicas de metais pesados polas verteduras de drenaxes ácidos da mina foron relacionadas coa elevada presenza de aluminio e outros metais nas augas para consumo humano das poboacións próximas.
MINA DE LANDOI. Explotación de dunita a ceo aberto que, dende o inicio da súa actividade, causou contaminación por metais pesados nos sistemas fluviais e mariños próximos. O cargadoiro de mineral situado no porto de Cariño tamén xera con frecuencia nubes de po que afectan tanto ao núcleo urbano como á ría. A operación a ceo aberto iniciouse nos anos 70. O 98 % da produción (aproximadamente 500.000 toneladas ao ano) expórtase a granel dende o porto de Cariño, situado a 10 quilómetros de distancia. A contaminación é ben coñecida e xa foi denunciada nos 80. En 1993 a Confraría de Pescadores de Cariño elaborou un informe que documentaba os impactos sobre a ría e o marisqueo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.