Rexistrada unha comisión non permanente para estudar a posible modificación do Himno de Galicia

Esta comisión rexístrase despois de quedar rexeitada a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular que impulsaba a corrección da letra do Himno para restaurar a versión do poema que escribiu Eduardo Pondal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2023 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

Os grupos parlamentarios do PPdeG, BNG e PSdeG rexistraron este martes unha petición conxunta a través dos seus portavoces para a constitución dunha comisión non permanente especial de estudo sobre a posible modificación da letra do Himno de Galicia.

Esta petición conxunta, á que tivo acceso Europa Press, chega despois de que o pasado mes de setembro o pleno do Parlamento, cos votos do PP e do PSOE, quedase rexeitada a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular que impulsaba a corrección da letra do Himno para restaurar a versión do poema que escribiu Eduardo Pondal, como el mesmo expresara nunha misiva do 11 de xaneiro de 1913 --cando xa estaba afectado de cegueira e non puido precisar máis detalles sobre os erros que se produciron na impresión do poema na Habana--.

Populares e socialistas estimaron nese debate parlamentario que a proposta defendida polo catedrático da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro, o maior estudioso de Pondal cunha decena de libros publicados, debía ser obxecto de estudo máis sosegado no Parlamento e que o adecuado era abrir unha comisión ad hoc. O portavoz popular, Alberto Pazos Couñago, ofreceuna nese mesmo momento aos demais grupos, pero pasou case un mes ata este rexistro conxunto por parte do tres grupos, que ten o seu precedente na Lei do Panteón de Galegos Ilustres.

Finalmente, Pazos (PPdeG), Ana Pontón (BNG) e Luís Álvarez (PSdeG) rexistraron este martes a petición conxunta para crear esta comisión de estudo, na que se analizará o achado desta carta --como novidade con respecto aos anteriores intentos parlamentarios que xa houbo neste sentido (nos anos 90 do século pasado e neste século)--.

TEXTO REXEITADO

A iniciativa lexislativa, que chegou avalada por 16.000 firmas e que se debateu o 26 de setembro, non foi o primeiro intento que leva a cabo para tratar de acomodar o texto legal á orixinalidade do poema escrito por Eduardo Pondal desde 1996, xa que tamén se tentou en 2002 e en 2017-2018.

Na exposición de motivos faise referencia a castelanismos e 'hiperenxebrismos' (hípergaleguismos) como ronco/rouco ou iñorantes (escribiuse ignorantes, na forma orixinal), así como a deturpación da expresión orixinal por un "proceso de banalización textual, pasando de 'clan' --o pobo-- a 'chan'.

O propio Eduardo Pondal "era consciente destas deturpaciones textuais" cando nunha carta do 11 de xaneiro de 1913 advirte que "o texto contén non poucas erratas", pero "infelizmente o estado de saúde de Pondal non permitiu a actuación correctora e restauradora", pola súa práctica cegueira.

CATRO ARTIGOS

A proposición de lei popular rexeitada inclúe catro artigos, o primeiro deles, para modificar o artigo 4 da Lei 5/1984 de símbolos de Galicia para fixar a letra do himno no catro primeiras estrofas. Tamén se inclúe outra modificación, neste caso da disposición adicional terceira desta mesma lei para incluír o texto completo que se corresponde co himno, incluíndo esas modificacións.

A iniciativa lexislativa popular incluía un terceiro artigo para que a Xunta faga cumprir a todas as institucións e sociedades públicas delas dependentes, como a radio e a TVG, a "reprodución, canto e interpretación completa" do himno.

Finalmente, reclamaba que a Xunta faga unha edición popular da letra restaurada conforme ao texto creado por Eduardo Pondal, xunto coa partitura do himno, co obxectivo de distribuílo, divulgalo e popularizalo de forma masiva na sociedade galega, singularmente, en todos os centros educativos, agrupacións musicais e corais, bandas de música, entidades deportivas, asociacións culturais ou calquera outra entidade cívica.

O portavoz da comisión promotora para corrixir o Himno de Galicia, Manuel Ferreiro
O portavoz da comisión promotora para corrixir o Himno de Galicia, Manuel Ferreiro | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

1 Gamela

A cegueira non é a de Pondal senon a dos 75 vividores que grazas aos privilexios do seu cargo montan unha Comisión por UNANIMIDADE para a letra do himno galego... Do prezo da luz e da enerxía falamos en xaneiro... ???

1 Acomplexado!

Luces son as que che faltan a ti!

2 Sentidiño

Pois si, para podermos falar do prezo da luz e da enerxía, fagamos un estado independente. Entrementresnamentratanto, fagamos estudos filolóxicos...

3 Manolo Vilagarcía

Mesturando allos con bugallos.