Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2023 | Actualizada ás 19:19
O BNG reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que ordene a retirada das redes sociais do Partido Popular de Galicia do vídeo que recolle o momento no que durante a sesión de control do pasado mércores afirmou que o Bloque "despreza" aos maiores porque "di que non saben votar".
Hai 20 anos no BNG, onde xa estaba Ana Pontón, dicían que "tiña que morrer unha xeración enteira para que non gañe o PP".
— PP de Galicia (@ppdegalicia) October 25, 2023
Hoxe seguen desprezando aos nosos maiores e afortunadamente seguen sen ter a confianza dos galegos de calquera xeración. 🤷 pic.twitter.com/sx5AFRu3Td
Nun comunicado, o viceportavoz parlamentario da formación frontista Luís Bará censurou que o PP reproduza nas súas redes a "infamia" que, di, cometeu o mércores Rueda ao pronunciar esas palabras, que desataron o enfado na bancada nacionalista mentres o presidente abandonaba o hemiciclo.
"O que está a facer o PP é unha auténtica ruindade e unha auténtica indignidade. Ao señor Rueda parece que non lle chegou con facer unha demostración de chulería e de desprezo ao Parlamento senón que ademais deu ordes para pór en marcha a política máis ruín, unha chea de mentiras e de calumnias", sentenciou Bará.
Segundo o deputado, que pide a retirada do vídeo e as desculpas do líder do PP galego, estes feitos revelan o "nerviosismo e a desesperación" dos populares "ante o avance imparable da forza do cambio que representa o BNG de Ana Pontón". "Hai límites que non se poden superar e hai afirmacións moi graves que desacreditan e denigran a quen as pronunciou", concluíu Bará.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.