Sabes cales son os ritos tradicionais de Galicia en Defuntos?

Do colar de zonchos ás cabazas con caras (pero non de terror como no Halloween), pasando pola danza do abellón ou deixar a mesa posta e non varrer a casa esa noite. Borxa González Castro, de Orgullo Galego, cóntanos máis sobre estes ritos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 31/10/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia conta cunha tradición de Defuntos moi potente. Se algo lles gustaba aos nosos antepasados era lembrar aos seus mortos, e todo o que tiña que ver cos defuntos, as ánimas e a morte estaba moi presente no día a día, máis aínda durante o ciclo de inverno, cando os días son curtos e a escuridade impera. A día de hoxe, hai moitos ritos que, por desgraza, caeron no esquecemento, ou que xa non se practican aínda que os máis maiores os lembren. Está na man de todos preservar os que nos quedan, xa moi contaminados pola chegada da festa de Halloween á nosa terra.

Nena cun colar de zonchos
Nena cun colar de zonchos | Fonte: Orgullo Galego

Dende Galicia Confidencial falamos con Borxa González Castro, que  a través da súa canle de Twitch e da súa conta de Instagram, Orgullo Galego, leva anos divulgando e estudando os ritos máis típicos da Festa de Defuntos en Galicia. Nos últimos días foi por moitos colexios da xeografía galega para demostrarlle aos máis pequenos que "as novas tecnoloxías tamén serven para divulgar as tradicións, para dalas a coñecer e recuperalas, socializando ao redor delas". Instagram, Tik Tok, Twitch... Calquera ferramenta é boa para "crear conciencia", pois o certo é que "hai moito descoñecemento desde que Halloween cobrou a forza que ten na actualidade".

COLAR DE ZONCHOS

Tratábase dunha tradición moi estendida por toda a xeografía galega e "consistía en cocer as castañas, unilas cun fío empregando unha agulla e colgalas do pescozo a modo de colar, sobre todo os nenos". "Colocábanas no pescozo durante o propio Día de Defuntos e algúns tamén despois, e ían con elas ata o cemiterio", explica Borxa, que cre que "as irían comendo, porque tamén se dicía que por cada castaña que comías liberabas unha ánima do purgatorio". Aínda que apunta que polas redes de Orgullo Galego moita xente lle dixo que tamén as ían ofrecendo polas rúas a quenes pasaban. Ata o punto de que o propio Borxa lembra que "cando eu era máis pequeno había xente maior que as vendía nas portas no cemiterio, para ofrecerllas aos nosos finados como unha especie de rito".

Hoxe por hoxe, asegura que en moitos sitios continúase a facer, sendo especialmente frecuente no norte de Galicia, pero estando presente nas catro provincias. Por sorte, é unha desas tradicións que si se conservou a día de hoxe. "Eu sei que se segue a facer en moitas zonas, de feito moitísima xente de cincuenta e algo anos en diante lémbrase de facer iso e na actualidade hai moitos colexios loitando por recuperar a tradición", afirma Borxa, que considera, de feito, que "é unha das tradicións desta época que máis se está a recuperar". 

Representación da danza do abellón
Representación da danza do abellón | Fonte: Orgullo Galego

DANZA DO ABELLÓN

É unha tradición que conta con moitos menos rexistros. "Descubrina buscando información e lendo cousas, pero está pouco documentada, datada cara o século XIX e xa non quedando practicamente ninguén que se lembre dela", explica Orgullo Galego. Con todo, si que despois houbo xente que "seguía dicindo que ía ao abellón para referirse a que ía a un velorio, é dicir, quedou o nome, pero non o rito". O escritor Alfredo Brañas, sen ir máis lonxe, ten recollido este feito no século XIX na localidade de Vilanova de Arousa, onde chegaría ata os anos 40 e 50, estendéndose por toda a zona de Arousa o de dicir que se ía ao abellón para dicir que se ía a un velorio.

En si, a danza do abellón era "como unha danza que se facía ao redor dos mortos, conectada con outras culturas moi anteriores, de hai 2.000 ou 3.000 anos, como os exipcios ou os gregos", indica Borxa. En concreto, "antropólogos galegos contaban que ese ruído zumbante que se facía durante a danza imitando ás abellas, ao redor do morto, era similar ao do canto das choronas, das pañideiras, mulleres que ían chorar aos enterros por Cangas e moitos outros sitios". Así, explica que "os antropólogos interpretan que ese era un rito como para limpar o mal do aire que quedaba na estancia tras ter ao morto alí exposto, co ataúde aberto". Ademais, dicíase que "as abellas representaban a ánima que sae do corpo da persoa que morreu, do defunto, e que vai cara o máis alá, sendo un animal que representa que nese momento do velorio a ánima sepárase desa persoa e vai para o máis alá".

DEIXAR A MESA POSTA POLA NOITE E NON VARRER A CASA

"Esta é unha das tradicións que máis chegou a día de hoxe", afirma Borxa, que conta que "nos institutos hai rapaces de Primeiro e Segundo da ESO que aseguran que na súa casa aínda o fan, pero máis durante o Nadal, festa que está moi conectada con Defuntos, pois á fin e ao cabo durante todo o ciclo de inverno crese que están os defuntos con nós". Así, o que se facía na época de Defuntos, "cando se supón que se abren as portas do alén e os nosos finados veñen a facernos compaña", era deixar a lareira acesa para que se quentasen, e a comida enriba da mesa para que comesen, por iso non se recolle antes de marchar para a cama.

Borxa apunta que "en Portugal mesmo había zonas onde deixaban castañas e non as tocaban ao día seguinte porque dicían que estaban babadas polos mortos". Así que, aínda que Halloween véndese como algo máis vinculado ao terror, a noite de Defuntos en Galicia era máis "unha forma de entrar en comuñón cos mortos, na que os teus defuntos che viñan a facer compaña". Tanto é así que nalgunhas zonas mesmo había unha cadeira máis e un prato con cubertos máis na mesa para esa persoa que faltaba. Xunto a esta tradición está a de non varrer a casa polas noites, porque "é o momento no que están as ánimas presentes, e igual tes contigo ao teu tataravó e ao varrer estalo botando fóra", chancea Orgullo Galego.

CABAZAS CON CARAS

Halloween tamén trouxo consigo a decoración das cabazas con caras terroríficas, pero en verdade a tradición en Galicia xa existía, aínda que sen esa connotación de terror. "É unha tradición que se celebra dende hai moitos séculos, e tiña moitos nomes, como por exemplo 'cadacús', nas Rías Baixas", conta Borxa. Basicamente o rito como tal consiste en baleirar a cabaza por dentro e poñer caras, representando ás ánimas do máis alá. "Non se lle poñían caras monstruosas, iso é algo que trouxo o Halloween, só se poñían polos camiños, nas beiras, nas portas, nas ventás, nos cruces de camiños...", asegura Orgullo Galego, que tamén conta que "había zonas nas que mesmo se baleiraban as cabazas e se lles facía un burato por debaixo para meter a cabeza e, ataviados cunha sábada, os nenos saían pola noite a asustar á xente". "Como non había luz nas aldeas a xente dicía que a luz que vían eran as ánimas ou a Santa Compaña", afirma.

Aínda que non sempre se fixo isto con cabazas, tamén se empregaron ao longo da historia nabos, patacas ou o que houbese na época. De feito, moita xente di que esta tradición non pode ser tan vella porque a cabaza veu de América alá polo século XVI, pero o certo é que "o rito aquí xa existía aínda que non se fixese con cabazas, collían os alimentos que houbese e ían adaptándoos aos novos tempos". Borxa expón que é algo así como o que sucedeu co cocido: "O cocido sempre existiu, pero logo engadiuselle a pataca". Polo tanto, o feito de baleirar cabazas e debuxarlles caras é algo que vén de moi lonxe, pero agora volve con moita máis forza pola influencia do Halloween.

SANTA COMPAÑA

A famosa Santa Compaña, esa procesión de ánimas que viñan na procura dos vivos que ían morrer, non é algo exclusivo de Defuntos, pero "esta si que era unha data máis propicia para a súa aparición, pois as portas do outro mundo están abertas e podíase ver máis a peregrinación da Santa Compaña", asegura Borxa, que explica que mesmo "nesta data se lle prohibía aos nenos saír da casa pola noite por medo a que os collese a Santa Compaña e os levase con ela". Á fin e ao cabo, a Santa Compaña sae nos momentos de escuridade e nesta época os días son moito máis curtos e a noite cae antes.

TRUCO OU TRATO

Outro dos ritos que parece importado do Halloween estadounidense é o do truco ou trato, pero en verdade en Galicia xa había algo semellante. "En Galicia existiu toda a vida e foi masivo ata hai 30 ou 40 anos", afirma Orgullo Galego. De feito, conta que "no século XVI houbo un bispo en Mondoñedo, que non era galego, que viñera de fóra, e ao chegar aquí alucinou coa de ritos que consideraba precristiáns pero que aquí se celebraban, e un deles era ese de que os nenos fosen pedindo polas portas das casas viño, pan ou filloas". Sentoulle tan mal que "emitiu unha orde dicindo que había que prohibir estas prácticas, porque era unha tradición pagana", ao igual que "o feito de preparar a comida para os defuntos e poñerlles na mesa de comer e beber ou facer banquetes nos cemiterios, algo que se fixo ata o século XX, así que non lle debeu saír moi ben", considera Borxa. 

Así, aínda que os rapaces de agora din que o fan e pensan que é algo moi recente, "a xente de 45 ou 50 anos lémbrase de telo feito, ao igual que aínda hoxe algunhas nenas de aldeas de Ourense o seguen a facer". "Na Illa de Arousa, de feito, nunca deixou de facerse, e os nenos seguen saíndo na actualidade a pedir limosniña para os defuntos, empregando a frase de 'unha limosniña para os defuntiños que van ala', e a xente vailles dando", afirma Orgullo Galego.

AVELAÍÑAS

Das avelaíñas pénsase "que son ánimas dos nosos defuntos que veñen nesta época a visitarnos", explica Borxa. En concreto, explica que "as brancas era sinais de bos presaxios e de boas novas, e as negras eran sinais de malas novas", por iso "non as podías matar, porque podía ser que estiveses a matar a unha ánima dos teus antepasados que se che estaba a presentar en forma de avelaíña". Deste xeito, considerábase ás avelaíñas un animal sagrado.

CURUXAS, CORVOS E MOUCHOS

Curuxas, corvos e mouchos estaban asociados con ser "portadores de malos augurios", conta Borxa, que apunta que tamén se cría que "se unha curuxa se pousaba no tellado dunha casa era porque nos próximos días nesa casa ía morrer ou enfermar alguén". Unha pena, porque co bonitas que son as curuxas mesmo había xente que as mataba para poñer na porta da casa e espantar así o mal. Tiñan moi mala fama pero, por sorte, hoxe en día xa non tanto.

Representación da procesión da Santa Compaña
Representación da procesión da Santa Compaña | Fonte: Orgullo Galego
Curuxa
Curuxa | Fonte: Commons
Avelaíña
Avelaíña | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta