Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2023 | Actualizada ás 11:15
A Real Academia Galega (RAG) animou a todas as deputadas e deputados galegos nas Cortes xerais a empregar o idioma galego na súa actividade parlamentaria. O plenario da institución académica aprobou por unanimidade un acordo para manifestar a súa satisfacción ante a aprobación da reforma do regulamento do Congreso para recoñecer oficialmente o dereito ao uso do galego, do eúscaro e do catalán nas sesións e no conxunto da actividade parlamentaria.
O plenario da RAG considera que esta medida non só supón avanzar nun novo ámbito de uso para o idioma galego, senón que é especialmente importante polo seu simbolismo e a visibilidade pública que outorga, así como polo que significa de "asunción de pluralidade lingüística por parte das institucións do Estado".
"É de esperar que o paso dado polo Parlamento, que vai na liña de medidas similares aprobadas tempo atrás polo Senado, abra o camiño que outras institucións e administracións públicas de distintos ámbitos --incluíndo a xustiza-- deben comezar a transitar-", considera a institución.
Neste sentido, a RAG apunta que aínda queda camiño por percorrer ata unha aceptación plena e completa por parte do Estado do carácter constitutivamente plurilingüe e plurinacional dos pobos que conforman a sociedade española, polo que o paso dado polo Parlamento "merece do aplauso" da institución.
Así mesmo, a Real Academia Galega manifestou a súa esperanza de que as xestións do Goberno español ante as institucións da Unión Europea, encamiñadas ao recoñecemento oficial no seu seo do galego e das outras linguas nacionais de España, teñan un resultado positivo.
"Os avances cara á plena oficialidade do idioma galego en todos os niveis políticos e administrativos non supoñen outra cousa que progresos cara á reparación da inxusta marxinación histórica do noso idioma e a discriminación dos seus falantes. Gañar en reconocimineto e en dereitos é camiñar cara á igualdade", sinala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.