Rueda insiste en "galeguizar" as eleccións e nega inxerencias de Feijóo

O presidente galego nega ter falado con Ortuzar para convocar conxuntamente coas vascas. "Convocaremos en función dos intereses de Galicia", asegura.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 30/11/2023 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Medios e xornalitas seguen desfollando datas da convocatoria electoral galega, como se unha margarida se tratara. Un día amagase cunha data e o seguinte, con outra diferente. Pero o presidente da Xunta insiste, unha e outra vez, que convocará os comicios en base aos "intereses de Galicia". "Se o fixera en base aos intereses de Rueda sería moi diferente", asegurou.

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo ()e, saúda ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (d), durante un almorzo informativo de Europa Press
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo ()e, saúda ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (d), durante un almorzo informativo de Europa Press | Fonte: Eduardo Parra

O líder do PP galego desmentiu, novamente, os rumores que apuntan a que as eleccións galegas van coincidir coas vascas, como durante a época de Feijóo. De feito, Rueda quixo descolgarse a "presión" que semella que ten do seu antecesor á hora de converter estes comicios nunha batalla estatal con Pedro Sánchez tras o acontecido nas Xerais.

Rueda recoñeceu que, efectivamente, son uns comicios importantes porque, son os únicos que van ter lugar no conxunto do Estado o vindeiro ano xunto coas eleccións vascas e as que haberá ao Parlamento Europeo. Por iso, xustificou as palabras de Feijóo sobre a "trascendencia" das eleccións galegas. "Foi mandatario moitos anos en Galicia e é normal que lle intereses estes comicios", aseverou. Con todo, insistiu na trascendencia destas eleccións e aventurou un "desembarco" de ministros en Galicia "ofrecendo o que se lle negou nos últimos catro anos". "Ógalla que me equivoque pero veremos quen lle dá ámbito nacional --a estas elección--", dixo.

Pero tamén quixo deixar claro que non se sente presionado polo ex presidente galego porque as eleccións galegas serán convocadas en base aos intereses de Galicia. Neste sentido, dixo que non lle consta que ninguén do PP vasco ou do PP de Madrid falara con dirixentes do PNV sobre as eleccións galegas. "Ninguén vai falar en nome de Galicia", suliñou.

CONVERSA COS VASCOS

Rueda negou en varias ocasións, a preguntas dos xornalistas tras a rolda de prensa do Consello da Xunta, que falara directamente con Andoni Ortuzar, presidente da Executiva do PNV sobre a convocatoria electoral das galegas e das vascas. "Nunca tiven conversa con el", dixo. Así, aclarou que as únicas conversas que tivo con líderes do PNV foi co presidente Urkullu, antes do verán, tras anunciarse a convocatoria das Eleccións Xerais sobre se ían coincidir as vascas ou as galegas con eses comicios. "Eu díxenlle que non tiña intención e el tamén dixo que non tiña intención de convocalas". "Cando estiven en Ajuria Enea falamos do tema e dixen que se coincidían, estaría ben, pero cada quen tería as súas circunstancias. Eu tiña clarisimo que non ía convocar --coas xerais--. Non volvemos falar", insistiu. 

Por iso, volveu repetir que o seu obxectivo é "galeguizar" as eleccións en Galicia. "Nós convocaremos en función dos intereses de Galicia como eles convocarán en función dos intereses de Euskadi", dixo. "A decisión das eleccións galegas serán tomadas en Galicia", insistíu. 

O único que confirmou é que as eleccións galegas serán durante o primeiro trimestre do 2024, algo que, por outro lado, xa dixo en máis ocasións. E, por iso, confirmou que o seu partido xa está organizando algún acto de tipo electoral. "Por iso hai traballos que se comezan a preparar con tempo, como tamén fan outros partidos", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta