Condenado a 27 anos de cárcere o home que asasinou dun disparo a unha muller en Oza-Cesuras

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2023 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto de culpabilidade do Tribunal do Xurado, condenou a 27 anos de cárcere ao home acusado de matar dun disparo na cabeza a unha muller na súa vivenda en Oza-Cesuras o 15 de xaneiro de 2021.

Considérao autor dun delito de violación de morada en concurso medial cun delito de asasinato alevoso, concorrendo a circunstancia agravante de disfrace, así como doutro delito de tenencia ilícita de armas.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na sentenza, a maxistrada presidenta relata que o condenado acudiu á vivenda, na que residía a vítima, o seu marido e o seu fillo de dous anos, armado cunha pistola. Cando a muller saíu de casa e viuno dentro da leira, engade, fuxiu cara ao interior, pechando a porta, pero o acusado perseguiuna e entrou na casa rompendo a cristaleira da porta.

A vítima, segundo a resolución, correu cara á planta superior da casa e, coa intención de fuxir, entrou no baño, desde onde, a través da xanela, accedeu ao tellado do garaxe e saltou ao camiño para escapar. Con todo, foi alcanzada polo procesado no exterior da porta do garaxe, onde lle disparou coa arma que portaba na parte traseira da cabeza. En consecuencia, faleceu no acto.

Tras o disparo, explica, o condenado fuxiu do lugar cara a unha zona próxima á vivenda, onde foi atopado pola Garda Civil.

A maxistrada indica na sentenza que o Tribunal do Xurado considerou por unanimidade ao procesado culpable de matar á vítima, "facéndoo nunhas condicións que aseguraban a morte da muller, sen perigo algún para a integridade física do acusado que puidese provir dunha reacción defensiva por parte da falecida". Ademais, subliña que, aínda que é certo que "non existe proba directa desa autoría, pois ninguén viu ao procesado matar á vítima", si existe proba indiciaria.

Por outra banda, explica que o delito de violación de morada está en relación de concurso medial co delito de asasinato consumado, xa que a entrada e permanencia no domicilio da vítima era medio necesario para poder cometer o asasinato. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.

Imaxe do acusado durante o xuízo
Imaxe do acusado durante o xuízo | Fonte: PEDRO DAVILA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta