Os eólicos tamén traen borrascas á organización Ecoloxistas en Acción

Un grupo de ex socios que din conformar o grupo Ecoloxistas en Acción Galiza desvincúlase da organización estatal. Esta nega disidencias e asegura que se trata de "cinco persoas que hai tempo que deixaron o grupo galego". Detrás de toda esta polémica, a postura que este movemento ecoloxista ten respecto aos eólicos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 12/12/2023 | Actualizada ás 22:21

Comparte esta noticia

O vento volve ser noticia, pero desta volta, non porque un megaparque é paralizado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), senón polas borrascas que está deixando en determinados movementos ambientalistas. É o caso de Ecoloxistas en Acción, organización que nos últimos meses está a ver como algúns socios se están dando de baixa pola postura que a entidade mantén con respecto aos proxectos eólicos. Unha polémcia que coincidía metres tiña lugar en Zaragoza o IX Congreso Confederal de Ecologistas en Acción.

Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, a 31 de maio de 2023, en Esgos, Ourense
Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, a 31 de maio de 2023, en Esgos, Ourense | Fonte: EP

Nos últimos días chegaba á redacción de Galicia Confidencial un comunicado de "Ecoloxistas en Acción Galiza" que di ser unha grupo escincido de Ecoloxistas en Acción. Unha afirmación que negaban rotundamente desde Ecoloxistas en Acción asegurando que, en Galicia non hai ningún grupo "rebelde" ou "escindido"

CONTRA O "CAPITALISMO VERDE"

Julio Fernández,  suposto voceiro de Ecoloxistas en Acción Galiza, explicaba en declaracións a Galicia Confidencial que a Confederal semella ser partidaria do 'capitalismo verde', entendido este como "a aceptación máis ou menos pusilánime da expansión de todas esas macroindustrias vinculadas ás enerxías renovables". Por iso, anunciaba que Ecoloxistas en Acción Galiza emprendí un novo rumbo dende xa, lonxe do marcado pola organización a nivel estatal. 

Fernández sinalaba que a entidade engloba en Galicia unha vintena de grupos comarcais activos e todos eles decidiron abandonar a organización Confederal de Ecologistas en Acción, porque, dende o seu punto de vista, "o rumbo de Ecologistas en Acción deixa fóra de xogo ao activismo ecoloxista de base, que nestes intres se reivindica como imprescindible fronte ao novo colonialismo enerxético que sofren extensas áreas do territorio nacional, e máis en concreto, de Galicia".

Ocupan as instalacións da mina de San Finx para pedir o fin da 'impunidade' do sector mineiro
Ocupan as instalacións da mina de San Finx para pedir o fin da 'impunidade' do sector mineiro | Fonte: Ecoloxistas en Acción San Finx - Arquivo

O detonante para esta ruptura foron as "desavenencias" no tema da eólica mariña. Foi o pasado ano 2022, cando na anterior  asemblea confederal, levouse "unha proposta de moratoria para a eólica mariña en Galicia", e, "nun primeiro momento votouse unha cousa, logo a contraria e, en definitiva, aprobouse esa petición de moratoria". "Ese foi o principal motivo da ruptura coa organización confederal", apunta Julio, que asegura que, "dende ese momento, dende a confederal" marxinaron a un grupo de socios contrarios ao aprobado.

Estes ex socios de Ecoloxistas en Acción tamén critican a postura que a entidade mantén coa explotación de litio ou a explotación do hidróxeno verde, con todos eses plan que anunciou o Goberno central para destinar miles de millóns á súa produción. "Ao noso xuízo, Ecologistas en Acción, como ocorre coas outras grandes organizacións ecoloxistas, non está tendo, digamos, un posicionamento claro e, en moitos casos, semella máis ben que está a favor deste desenvolvemento das macroindustrias renovables que en contra". 

"SON CINCO EX SOCIOS"

Tras estas manifestacións, a federación galega de Ecoloxistas en Acción negou a existencia dunha federación propia galega escindida. Tamén saía ao paso das afirmacións do presidente de Ecoloxistas en Acción de Zamora, Ramón Fernández, quen sostiña que tanto a organización provincial que preside como unha vintena de grupos de Galicia abandonaran a confederación por discrepancias sobre as políticas relativas aos macroproxectos de enerxías renovables.

O portavoz da federación galega, Cristóbal López, negou en declaracións a Galicia Confidencial a escisión de ningún grupo local, e achacou a situación a "catro ou cinco socias" que non constituían grupo propio pero estaban no de Lugo, aínda que "hai meses que non están". Explicou que esas socias que mostraron as súas discrepancias levan tempo fóra da federación de Galicia de Ecoloxistas en Acción, a pesar do cal nalgunha ocasión utilizaron o nome desta sen permiso.

 

Respecto a a postura da organización sobre as enerxías renovables, lembrou que Ecoloxistas en Acción non está en contra dese tipo de enerxía pero si en contra dos megaproxectos e por iso presentou "miles de alegacións" contra marcroparques en todos os territorios, pero baixo un marco redactado en asemblea ao que deben acollerse todos os grupos.

 

O GRUPO DE ZAMORA TAMÉN SE DESVINCULA

 

Precisamente, o grupo de Zamora de Ecoloxistas en Acción alegou esa cuestión para anunciar que tamén deixa a organización ambientalista. Sobre este tema, o grupo confederal lembrou, no congreso de Zaragoza que a filial zamorana, creada en 2018, é a únicoa que se negou a recoñecer os consensos alcanzados polo conxunto da organización, "a pesar de que outorga aos grupos a capacidade para fixar e levar a cabo a posición a nivel local".

 

Este grupo de Zamora insistía en que con eles están tamén varios grupos de Galicia, incluído a Federación de Ecoloxista en Acción Galiza, algo que negan desde o grupo confederal. Julio Fernández aboga agora por unha refundación do activismo ecoloxista, alonxado de toda tentacióndo 'capitalismo verde', xa sexa a través de Fundacións ou simplemente mediante a aceptación dunha transición que sementa moitas dúbidas, tanto dende o punto de vista medioambiental como socioeconómico.

"Dende Ecoloxistas en Acción Galiza vamos a seguir facendo o mesmo que ata o de agora, poñendo recursos contenciosos sobre a mesa e actuando da mesma maneira, porque a figura xurídica non cambia", suliñou. "Dar este paso era importante porque así polo menos tamén se manifesta a desvinculación ideolóxica, para seguir o noso camiño con plena liberdade", asegura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta