A D.O. Valdeorras planifica novos eventos e brinda polo Nadal

O 18 de decembro decidíase no Pleno do Consello Regulador que os caldos do territorio amparado estiveran presentes na Feira Vinexpo, unha das máis relevantes de Europa e que se celebrará entre o 12 e o 14 de febreiro.Tamén se falou da vindeira Feira do Viño, que no 2024 chegará á súa 25 edición.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 22/12/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Consello Regulador acudirá en febreiro á feira Vinexpo baixo o paraugas da Asociación de Consellos Reguladores do Viño, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga), entidade constituída ao abeiro dun convenio entre as diferentes denominacións de orixe vitivinícolas galegas e a de augardentes e licores e o Igape.

Foto do brinde de Nadal. Foto: CRDO Valdeorras.
Foto do brinde de Nadal. Foto: CRDO Valdeorras.

Deste xeito, a promoción dos viños que se realice en París será conxunta coa doutros territorios amparados galegos e apoiada pola Xunta de Galicia, se ben o espazo expositivo común no salón parisino contará con corners específicos para cada un dos consellos reguladores. O prazo para as adegas da comarca interesadas en participar na feira poidan enviar os seus viños ao Consello Regulador permanecerá aberto ata mediados de xaneiro.

Adiantando outros temas, o Pleno do organismo aprobou tamén a celebración da que será a XXV Feira do Viño de Valdeorras no mes de xullo. En concreto, as datas elixidas son o 8 e o 9 de xuño.

Ao remate do acto procedeuse a brindar cun Valdeorras para felicitar as Festas de Nadal.

AUMENTAR A PROMOCIÓN, OBXETIVO CLARO

“A xuntanza plenaria de hoxe evidencia que un dos obxectivos fundamentais do organismo para 2024 vai ser o da intensificación da promoción dos nosos viños e adegas. Á potente campaña que acabamos de presentar, hai poucas semanas, sumarase a nosa presenza en diferentes foros nacionais e internacionais para seguir dando a coñecer os brancos e tintos da nosa comarca entre novos públicos”, destacaba o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos.

A Feira do Viño de Valdeorras 2024 chegará ao seu 25 aniversario

Respecto ao evento estrela, a Feira do Viño de Valdeorras, o ano que vén alcanzará o seu 25 aniversario e, segundo refería tamén o presidente do Consello Regulador, "isto merece ser celebrado dun xeito especial, cunha coidada planificación de actividades que iremos comunicando paseniñamente”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta