O Goberno cederá a Galicia a xestión do Ingreso Mínimo Vital

O presidente da Xunta enviara xa unha carta a Escrivá en novembro de 2022 para lembrarlle que esta transferencia estaba pendente.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 27/12/2023 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

O Goberno aprobou este mércores en Consello de Ministros a cesión da xestión do Ingreso Mínimo Vital (IMV) ás comunidades autónomas con réxime común que o soliciten para equiparalas ás comunidades autónomas de réxime foral que xa o tiñan cedido, como son País Vasco e Navarra.

Cabe lembrar que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, xa pedira o traspaso en diversas ocasións, entre elas nunha carta dirixida ao ministro José Luís Escrivá fai máis dun ano, cando aínda se ocupaba da carteira de Seguridade Social, para así integrar esta prestación coa renda de inclusión social de Galicia (Risga). Co novo Goberno central, tamén a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, solicitoullo noutra misiva á nova ministra do ramo, Elma Saiz.

Pedro Sánchez xa acordara o traspaso da xestión desta prestación para Cataluña, o pasado 21 de decembro, na súa reunión co presidente da Generalitat de Cataluña, Pere Aragonés, e desta forma esténdese para o resto de CCAA. Así o anunciou o presidente do Goberno central  durante a rolda de prensa posterior ao último Consello de Ministros de 2023, na que o presidente do Executivo fai balance do ano.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparece tras unha rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministro
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comparece tras unha rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministro | Fonte: Eduardo Parra

XUNTA

Pola súa banda, a Xunta solicitarán proximamente ao Ministerio de Seguridade Social unha reunión bilateral para analizar e estudar conxuntamente as condicións do traspaso do Ingreso Mínimo Vital (IMV) anunciado este mércores polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

"En Galicia valoramos positivamente o anuncio do traspaso da xestión do IMV ás comunidades de réxime común e confiamos en que esta vez se cumpra a palabra do Goberno central, porque tiñamos o compromiso desde facía moito tempo", aseguran fontes da Consellería de Política Social e Xuventude consultadas por Europa Press.

Así, entenden que "evitarán" as "numerosas incidencias" derivadas da mala xestión de todos estes anos e recalcan que "moitos galegos optaron por permanecer" na renda de inclusión social de Galicia (Risga) "pola súa fiabilidade".

"Temos a experiencia contrastada e coa xestión do IMV achegámonos á posibilidade de optar polo portelo único de entrada de solicitudes e poder ser máis áxiles na tramitación, o que beneficiará considerablemente aos potenciais beneficiarios", engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta