Filmin estrea un apartado monográfico con filmes de autoría galega e dobrados ao galego

Baixo a denominación 'Cinemas_GAL', reúnense máis de 80 títulos que xa formaban parte do repositorio da plataforma, pero que agora poden atoparse clasificados nun único cartafol.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2024 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia aposta pola difusión do cinema galego a través da colaboración coa plataforma en liña Filmin para pór a disposición do público un catálogo monográfico no que se agrupan filmes de autoría galega, xunto con outras películas que poden verse en galego grazas á dobraxe ou aos subtítulos.

Baixo a denominación 'Cinemas_GAL', reúnense máis de 80 títulos que xa formaban parte do repositorio da plataforma, pero que agora poden atoparse clasificados nun único cartafol temático subdividida en categorías como 'Éxitos recentes do cinema galego', 'Éxitos internacionais en galego', 'Autores galegos', 'Curtametraxes galegas', 'Documentais', 'O mellor cinema europeo en galego', ou cintas baixo o epígrafe 'Música'.

Esta canle é unha iniciativa estratéxica coa que a Consellería de Cultura quere destacar a presenza de cinema galego no seu conxunto, facilitando a identificación e localización das producións galegas, ou que se poden ver dobradas ou subtituladas ao galego dentro desta plataforma, referente a nivel estatal na distribución de cine de calidade. Segundo os seus datos, en 2023 Filmin volveu bater a súa propia marca en canto ao crecemento en número de persoas subscritoras, visionados e títulos en catálogo, así como en películas distribuídas en salas de cinema antes da súa chegada á plataforma.

Dentro desta canle atópanse tanto filmes de recente estrea como 'Matria', xunto a títulos que fixeron historia dentro do cinema galego polo seu recoñecemento internacional. Son os casos, por exemplo de 'O que arde', 'O corpo aberto', 'Lúa vermella' ou '9 fugas', todos eles producidos ademais co apoio da Xunta, do mesmo xeito que outras películas tamén dispoñibles, que abarcan os xéneros de ficción, animación e documental.

Fotograma de 'Matria' de Álvaro Gago
Fotograma de 'Matria' de Álvaro Gago

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta