O BNG pide a comparecencia do Goberno nas Cortes ante posibles recortes de dereitos de pesca en Arxentina

O BNG presentou unha serie de preguntas dirixidas ao Goberno nas que traslada as "inquietudes" do sector relativas á actuación do novo goberno arxentino, que seguen "con preocupación", en referencia á posible implantación dunha taxa ás exportacións ou a liberalización das licenzas de pesca.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2024 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

O BNG solicitou a comparecencia do Goberno ante o Congreso e o Senado tras o anuncio do novo presidente arxentino, Javier Milei, de reformas lexislativas que poderían afectar os dereitos de pesca da frota galega nesas augas. O deputado Néstor Rego e a senadora Carme da Silva reclamaron explicacións do Executivo, dos ministros de Pesca e de Asuntos Exteriores, Luís Planas e José Manuel Albares, para coñecer a posición do Goberno de España e as xestións que se están levando a cabo ante o anuncio de reformas por parte de Milei, unhas reformas que afectarían a uns 80 buques galegos que faenan historicamente neses caladoiros.

O BNG presentou unha serie de preguntas dirixidas ao Goberno nas que traslada as "inquietudes" do sector relativas á actuación do novo goberno arxentino, que seguen "con preocupación", en referencia á posible implantación dunha taxa ás exportacións ou a liberalización das licenzas de pesca. "Cuestións ambas que afectarían gravemente á frota e ás empresas galegas do sector, que levan décadas pescando na zona mediante sociedades mixtas e que realizaron grandes investimentos en plantas de procesamento e frigorícos", apuntaron os nacionalistas.

Ante estas medidas, que terían "un impacto moi negativo", o BNG reclamou ao Goberno central que tente "mediar" e "establecer canles para a negociación co goberno arxentino", para defender os intereses da frota galega, buscando manter unha regulación que non só beneficia ás empresas de Galicia que operan alí, senón tamén á actividade xa asentada e que xera valor engadido coa creación de emprego e dinamización da economía.

Varios barcos de frota artesanal tras a convocatoria de paro por parte da Federación Galega de Confrarías de Pescadores
Varios barcos de frota artesanal tras a convocatoria de paro por parte da Federación Galega de Confrarías de Pescadores | Fonte: M. Dylan - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta