Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2024 | Actualizada ás 16:32
Abel Losada tomou posesión este venres como subdelegado do Goberno en Pontevedra nun acto institucional no que reivindicou "o valor da política" que, segundo sinalou, é aquela que se practica a partir da cooperación e coordinación entre todas as Administracións.
A este acto institucional asistiron máis de 200 persoas entre os que destacaban os alcaldes de Pontevedra e Vigo, Miguel Anxo Fernández Lores e Abel Caballero, respectivamente, xunto a representantes das Administracións estatal, autonómica e local, así como outras autoridades civís e militares.
Presidiu o acto o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, quen remarcou a valía profesional humana de Abel Losada e animou ao novo subdelegado a "asumir os retos de impulsar os proxectos que desenvolve o Goberno de España nesta provincia" para "consolidar a transformación e a modernización" que marca a acción do presidente Pedro Sánchez, segundo manifestou.
No seu longo discurso, Abel Losada expresou a súa pretensión de que esta Subdelegación sexa "un lugar de diálogo, de encontro e de servizo á comunidade". O exconcelleiro en Vigo e deputado autonómico do PSdeG en varias lexislaturas repasou as medidas sociais aprobadas polo Goberno de España e defendeu o valor dos impostos para garantir os servizos públicos esenciais "porque sen impostos é o sálvese quen poida".
Tamén se referiu ao contexto politico nacional aludindo á recente investidura do presidente Pedro Sánchez relacionando as negociacións cos nacionalistas cataláns que deron paso ao actual Goberno co pacto do Majestic de 1996.
Tamén tivo palabras para a crise pola "marea plástica" definíndoa como "un accidente do que ninguén ten a culpa, excepto a naviera" e insistindo na necesidade de cooperar ante unha emerxencia ambiental como a actual algo que, segundo dixo, pasa porque cada Administración recoñeza e exerza as súas competencias "desde o primeiro momento" e non "en esconderse detrás da rifa, en negarse despois a pedir axuda cando se necesita e, finalmente, acabar pedíndolle o imposible ao Estado por terra, mar e aire".
A violencia machista ocupou boa parte do seu discurso do mesmo xeito que a critica aos negacionismos de quen rexeitan recoñecer o cambio climático. Segundo Losada, a "o despropósito dos machistas, dos homófobos, dos clasistas e dos xenófobos", sumáronse agora "os negacionistas da democracia mesma, que vocifera que estamos nunha ditadura ou ante un Goberno ilexítimo, tratando de erosionar ás institucións que nos representan".
A intervención rematou cun recoñecemento expreso ao alcalde de Vigo "a persoa da que máis aprendín" e tamén ás súas raíces na cidade de Pontevedra, onde comezou a súa carreira como profesor universitario na Facultade de Ciencias Sociais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.