A música nas campañas electorais: que foi do PP de Los Limones? Juan Pardo chegou para quedarse?

Feijóo sempre apostou, nas catro ocasións nas que se presentou aos comicios autonómicos, polo grupo ferrolán Los Limones para compoñer a música da súa campaña. Agora Alfonso Rueda volve ao 'Xuntos', de Juan Pardo, xa empregado por Manuel Fraga no seu momento. E a música de 'stock' é a raíña nos vídeo-recursos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/02/2024 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

De seguro tendes escoitado esa frase tan manida que di que nesta vida todo é política. E ben é certo. Os propios políticos o saben e os candidatos a presidir a Xunta de Galicia cada catro anos non deixan escapar a oportunidade de atraer votantes, algo que fan indo máis aló dos habituais anuncios e promesas electorais. Canto máis avanzamos no tempo, semella que os líderes das formacións galegas se foron volvendo expertos nisto de viralizarse, creando vídeos de campaña controvertidos, con frases moi dignas de meme e con músicas moi pegadizas. E é que ao final, 'dá igual o que falen de min, o caso é que falen', e máis en tempo de campaña, cando o que interesa é darse a coñecer e que o nome de cada candidato resoe na mente da xente. As redes sociais chegaron para dar un paso máis aló nesa exposición preelectoral.

Los Limones de Feijóo VS. Juan Pardo de Rueda
Los Limones de Feijóo VS. Juan Pardo de Rueda | Fonte: GC

E aínda que uns son máis mañosos nisto de empregar as redes, os vídeos de campaña de todos teñen algo en común: o uso da música cun marcado carácter emotivo, tratando de chegar ao corazonciño da xente. Dende o Galicia Confidencial quixemos facer unha serie coa que expoñer as bandas sonoras de cada candidato ao longo da evolucións dos partidos políticos galegos. Hoxe comezamos a andaina polo Partido Popular de Galicia, que dende o 2009 só contou con dous líderes: Alberto Núñez Feijóo (revalidando ata en catro ocasións a súa maioría absoluta) e Alfonso Rueda, o recén chegado e aspirante a acadar a quinta maioría absoluta para o PP (algo que as enquisas lle auguran difícil). Que música lles gusta a estes dous homes? E, máis aló de gustos, cal é a que empregaron ou a que está empregando (no caso de Rueda) como banda sonora en campaña?

Feijóo declarouse sempre moi fan dos clásicos da música nacional, como Julio Iglesias, co que garda unha relación de amizade, pero tamén figuran entre as súas escoitas bandas míticas como The Beatles, Queen ou U2. Aínda que se por algo se caracterizou foi por asistir a moitos concertos de xente da súa propia terra, como Luz Casal, a Real Filarmonía de Galicia ou o grupo Milladoiro. E, precisamente, esa aposta pola 'terriña' no plano musical se trasladou tamén aos seus vídeos de campaña. Nas catro ocasións en que se presentou aos comicios autonómicos os vídeos electorais de Feijóo levaron por bandeira cancións do grupo Los Limones, un grupo de pop-rock galego que xurdiu no ano 1983 na cidade de Ferrol. 

No 2009, na primeira presentación de Feijóo como candidato, compuxeron para el a canción 'Chegou o Momento', que se convertiu nun verdadeiro himno para o Partido Popular en Galicia. 'Achego galego que vaise espallar ca luz das estrelas mailo son do chan, festa da natureza no camiñar, achego que vai chegar. Achego soñeiro, esperto, real, é no mundo enteiro fogar de Breogán, é onde un galego tódolos demais, achego que vai chegar. Chegou o momento das cousas con xeito, Galicia no peito, nos feitos, nos beizos, Galicia meu tempo, meu lar. Chegou o momento, chegou o momento...'. Así dicía este tema, que levou a Feijóo á súa primeira maioría absoluta.

Nos seguintes comicios, os de 2012, Feijóo volveu apostar por Los Limones para a súa música de campaña, neste caso co tema 'Veña Galicia'. 'Veña Galicia, esa ledicia. Veña Galicia, boas noticias. Veña Galicia, unha delicia. Remata o que inicias. Veña Galicia, ti es a ledicia. Déstesmas vós, as boas noticias. Veña Galicia, é unha delicia, remata o que inicias. Veña Galicia, choven caricias, choven do Carmen, choven de Iria. Veña Galicia, celta, Patricia, Galicia beneficia. Veña Galicia, ti es quen oficia, que as miñas bágoas tórnense risa. Veña Galicia, temos pericia, non fai falla malicia. Debaixo do mar, a rentes do chan, no cume quéroche cantar. A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, vivan tódalas fillas da miña terra. Veña Galicia, medra que medra, beleza meniña, beleza de vella. Veña Galicia dos mariñeiros, labregos, obreiros, a dos diñeiros. Veña Galicia dos cabaleiros, as galegas primeiro...'. Un tema que se fixo moi popular, sendo escoitado mesmo fóra do contexto electoral.

No 2016, novamente Los Limones arrouparon a campaña de Feijóo, neste caso co tema 'En Galicia si'. 'Coma sempre o mellor a xente. O noso sentir, o meu país. Sonos verdescentes cos que chegamos aquí. E xuntos a rentes ímolos vivir. Coma sempre nin frío nin quente, ceo gris fogar onde nacín. Que veña paz co abrente, e o solpor feliz, raios transparentes dun a outro confín. Porque é posible, en Galicia si, Galicia si, Galicia si, Galicia si. Coma sempre milagre corrente, rexurdir e que veña o porvir, velaquí a semente, cernil e sutil, tan galegamente namoreime de ti...'. Neste caso o lema por excelencia de Feijóo materializábase tamén nunha canción moi pegadiza, con ese 'Galicia' por bandeira.

E nos comicios autonómicos de 2020, os que precederon a este 18F, Feijóo repetiu por cuarta vez co grupo Los Limones, neste caso baixo o lema 'Galicia é moito'. 'Galicia é moito, moita Galicia, pena, loito, festa, ledicia. Chea abondosa de vida. Galicia é moito, moita Galicia, flores, froitos, espiños, espiñas. A natureza é raíña. Galicia é moito, é porto do mar, cume do ceo de Terra Chá. Galicia de onte, de hoxe e mañá. Galicia eterna, Galicia xa. Galicia é moito, moita Galicia, noutro tempo, nestes días, e os que veñan, a benvida. Galicia é moito, moita Galicia, arte, arroubo de antoloxía, a nosa Historia e Xeografía. Galicia é moito, é lar e fogar, avoa, nai, muller, filla, irmá. Galicia é fecho do mal ollar, Galicia aberta de par en par. Fóra meigas, veña fía, aturuxo, bruxería, veña acougo, romaría, a nosa sabedoría, que é de ouro, é un tesouro, o repenicar de todos...'.

Sen embargo, o candidato actual á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, deixa a un lado a Los Limones, tras quince anos ao carón do PP, e aposta nesta nova etapa na que se enfronta aos seus primeiros comicios (fóra elixido polo propio partido para relevar a Feijóo á fronte do Goberno galego no 2022) pola reedición dos clásicos. Así, versionou a canción 'Xuntos', do cantante e compositor Juan Pardo, ao estilo muiñeira-rock, con aturuxos e pandeiretas incluídos. Hai que lembrar que xa Manuel Fraga empregara este tema no seu momento como himno electoral. Ao estilo Rueda, a canción di así: 'Xuntos pra gañar a vida día a día, hoxe e mañán tamén. Xuntos e que sintan todos que se van xuntiños temos máis camiños para facelos ben. Xuntos non haberá quen poida, miña nai querida, xa o sabemos ben. Xuntos, máis fortes, máis craros, xuntos máis ben. Xuntos nos triunfos e xuntos nos fallos tamén'

Pero ollo, que máis aló do vídeo oficial da campaña do PPdeG, estanse a empregar diferentes cancións noutros vídeos electorais difundidos polo partido. Así, por exemplo, fai tres semanas, cando viñeron a Galicia os presidentes autonómicos doutras comunidades gobernadas polo PP e o PPdeG subiu un vídeo no que Rueda lles daba as grazas por ser tan riquiños, o tema que soaba de fondo era 'Maturity', de Arvival, unha canción de música electrónica. No vídeo no que se fala de 'Estabilidade, Sentidiño e Xestión', pola súa banda, a música pola que se tira é o rock de GreenRocketAudio, chamado 'Push Power'. Así mesmo, no controvertido vídeo 'Galicia, illa de estabilidade', a música de fondo empregada era 'My One and Only', de J.F. Gloss. Mentres que no vídeo 'Rueda por Galicia', onde diferentes galegos de todas as idades, condicións e traballos aparecen apoiando a Alfonso Rueda, a banda sonora corre a cargo de 'Plant a Seed', de Lindsey Abraham e Eddie's Pickup. E xa no spot de 'Vota pola Galicia que Funciona. Vota PP. Vota por Alfonso Rueda', a música empregada é 'Heroic Quest', de Sigma Music Art. Todas estas son músicas de recurso que se poden atopar en calquera plataforma totalmente gratis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta