Hosteleiros sobre a futura prohibición de fumar en terrazas: "O que non queremos é ter que facer de policías"

César Sánchez-Ballesteros, presidente da Federación de Hostalería de Pontevedra (Feprohos), asegura que, "con esa normativa, ao final o que ten máis risco de ser sancionado, aparte ou máis que o fumador, adoita ser o hosteleiro". Se o cliente se nega a soltar o pitillo, como ten que actuar o dono do local?

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 27/02/2024 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O tabaco e os hosteleiros teñen unha relación de amor-odio que se estende xa de moi lonxe. O acto de fumar sempre se relacionou moito co feito de estar tranquilamente tomándose algo nun bar ou vendo un partido na terraza. Tanto é así que, de feito, os propios locais eran os que proporcionaban (aínda que cada vez menos) aos seus clientes o tabaco, tendo unha máquina dispensadora á súa disposición. Sen embargo, diferentes normativas estatais foron poñéndolle cada vez máis coto a esta práctica, ata o punto de que na actualidade xa se fala de prohibir totalmente o uso de cigarrillos (tamén os electrónicos e os 'vapers') nos establecementos.

Apagando un cigarro. Cinceiro. Tabaco
Apagando un cigarro. Cinceiro. Tabaco | Fonte: Arquivo

Ata o de agora si estaba permitido fumar na terraza e tanto é así que en Galicia, en pleno inverno, con seis graos de temperatura, ves terrazas cheas de xente porque no grupo había algún fumador que tiña que estar fóra para poder botarse o seu pitillo. A nova normativa prohibiría mesmo esta práctica. En concreto, a nova ministra de Sanidade, Mónica García, anunciou a intención do seu departamento de ampliar os espazos de aplicación da lei antitabaco nas terrazas e no coche, así como en todas as praias, co obxectivo de reducir nun 30 % o consumo deste produto. Pero, que opinan os hosteleiros ao respecto? Afectaralles moito? Dende o Galicia Confidencial falamos con César Sánchez-Ballesteros, presidente da Federación de Hostalería de Pontevedra (Feprohos).

"Dentro do conxunto dos hosteleiros haberá xente que non queira que se fume nas terrazas, algún ao que lle dea igual ou algún que queira que se fume, pero o que si nadie quere é a responsabilidade de ter que vixiar ou impedir que os clientes fumen na terraza", asegura Sánchez-Ballesteros, que incide en que, "con esa normativa, ao final o que ten máis risco de ser sancionado, aparte ou máis que o fumador, adoita ser o hosteleiro". E iso é algo que, en palabras deste hosteleiro vigués, "nos fastidia bastante, porque xa temos moitas cousas que facer, xa cumprimos con moitas normativas, como para ter que estar detrás dos clientes na rúa indicándolles que deixen de fumar". Ademais, lembra que isto é algo que "pode xerar certas friccións nalgúns lugares".

Ao seu xeito de ver, considera que "coa normativa actual a xente máis ou menos xa vai cumprindo, vaise separando da outra xente para fumar e intentando evitar molestar ao do lado", mesmo "máis aló da distancia de seguridade de 2 metros que está agora mesmo vixente, porque sabe que o fume pode ir a 4 ou 5 metros co aire, e cada vez a xente é máis consciente de que está a molestar aos non fumadores". "Antes dáballes máis igual, pero agora son máis conscientes de que ese fume non é agradable para ninguén e que hai que minimizalo, o cal non é só unha cuestión de metros de distancia ou de separación entre mesas, pois depende de moitos outros factores como o vento", sinala Sánchez-Ballesteros.

"CANDO LEXISLAN, VEÑEN E DINCHE QUE É A TUA OBRIGA VIXILAR"

Ambientes nunha terraza durante o primeiro día da prohibición de fumar na vía pública en Galicia se non existe unha distancia de dous metros de separación con outras persoas para evitar contaxios de Covid-19, na Coruña, a 13 de agosto de 2020
Ambientes nunha terraza durante o primeiro día da prohibición de fumar na vía pública en Galicia se non existe unha distancia de dous metros de separación con outras persoas para evitar contaxios de Covid-19, na Coruña, a 13 de agosto de 2020 | Fonte: M. Dylan - Arquivo

O presidente de Feprohos lembra que, cando se lexislan estas cousas, "veñen e dinche que é a tua obriga, como hosteleiro, a vixilancia das normas". Con todo, reivindica que "nós non podemos ser nin policías, nin estar insistindo ao cliente dicíndolle que apague o cigarro porque na terraza tampouco se pode fumar, algo que agora facemos de boa fe, pero non temos ningunha autoridade para facelo". E, mesmo sen ter esa autoridade, "pódennos sancionar, dende o punto de vista sanitario". Sánchez-Ballesteros, ao respecto, reflexiona en que se os inspectores se atopan a unha persoa fumando na terraza, moitas veces, non será porque o camareiro ou o dono non lle teña chamado a atención, senón porque fai caso omiso dos avisos.

E como se demostra legalmente que o cliente foi avisado? "Ao final é responsabilidade túa, como dono do local, e sanciónanche", o cal "non é xusto", critica o hosteleiro, que expón tamén os problemas que xa de por si presentan as terrazas nos establecementos de hostelería: "Adoita ser un traballador o que se encarga da terraza, na cal xa se adoita ter máis carga de traballo, e se xa vamos xustos de persoal e de horarios, polas circunstancias que sexan, o persoal ten que estar para traballar e non para chamar a atención aos clientes polas cousas que están a facer, dentro de certos límites".

Así que, plantexa: "En caso de que haxa un grupo de persoas fumando na miña terraza teño que chamar á policía para que quede constancia de que lles avisei e non quixeron apagar o pitillo, para evitar unha posible sanción? Non ten sentido ningún, porque cando cheguen, dentro duns 10 ou 15 minutos, o pitillo xa vai alá e os axentes descoidaron outras urxencias para achegarse ao local". "Nós non podemos ser os responsables do cumprimento desa norma, debería ser algo así como no caso do uso obrigatorio do cinturón de seguridade no coche: se non o levas, paga quen non o leva, e se non o levas ti xa eres consciente de que che poden sancionar; pero aquí non, aquí tamén se lle achaca a responsabilidade ao establecemento de hostelería", denuncia o presidente de Feprohos. 

ANOS DUROS PARA A HOSTELERÍA A NIVEL LEXISLATIVO NA MATERIA

Ademais, Sánchez-Ballesteros recorda que os hosteleiros xa levan uns anos moi duros a nivel lexislativo en todo o que ten que ver co permiso ou a prohibición de fumar nos locais. A lei 28/2005 obrigaba aos bares que querían deixar que os seus clientes fumasen no interior, a habilitar unha zona para fumadores, creando unha división estrutural no establecemento (a pesar de que moitos eran alquilados e había que pedir permiso para a reforma). Cinco anos despois, pola lei 42/2010, prohibiuse directamente fumar en interiores, polo que os que gastaran cantidades inxentes de cartos na reforma dos locais, viron que non servira para nada. "Os establecementos gastaron moitos cartos e fixeron moita obra para separar o local en dúas zonas, fumadores e non fumadores, para que dous anos despois tumbasen todo", rexeita o hosteleiro vigués.

Dende o seu punto de vista, por outra banda, o consumo de tabaco entre os clientes xa diminuíu moito de forma natural nos últimos anos, "tanto no lecer nocturno, como nas terrazas, e, os que fuman, fano máis ás agachadas". "O natural sería deixarse de prohibicións e ir apretando pouco a pouco á xente para que deixe de fumar, non ir tanto cara onde se fuma, senón en incrementar o custe do tabaco ou poñer dificultades para que a xente fume menos", indica Sánchez-Ballesteros. Pois incide en que os hosteleiros "xa estamos fartos de que se fale de fumar ou non na terraza, porque se a persoa que está fumando se levanta e se move dous metros máis para alá, xa está fóra do espazo da terraza e legalmente pode facelo, aínda que co seu fume continúe molestando ao resto dos clientes". 

Por todo iso, o hosteleiro asegura que "cando saia a normativa xa veremos se a podemos recurrir, porque nós non somos policías para chamarlle a atención a ninguén". Neste senso, plantexa que "mesmo se a cousa chega a xuízo, é a palabra do cliente contra a do hosteleiro, e pode negar que estaba fumando e a palabra do hosteleiro non pesa como a dun policía, que ten maior carga de proba que calquera persoa do común". Así, Sánchez-Ballesteros conclúe que "a nós realmente danos igual que se poida fumar ou non, o que non queremos é a responsabilidade, porque non nos parece xusto ter que facer de policías, o que xera tensión entre clientes, traballadores e propietarios".

CADA VEZ MENOS MÁQUINAS DE TABACO: "NON É RENTABLE"

Finalmente, outro tema a ter en conta é que cada vez as máquinas dispensadoras de tabaco están menos presentes nos establecementos. E é que, como afirma Sánchez-Ballesteros, "a cousa foise complicando", porque a día de hoxe "xa temos que ter un mando a distancia para acender e apagar a máquina e así polo menos cerciorarnos de que a persoa 'parece' maior de idade, porque o DNI non llo podes pedir (ao ser un dato de carácter persoal que os hosteleiros non teñen autoridade para pedir, ao non ser axentes da orde)". 

Para o presidente de Feprohos, resulta algo moi tedioso, sobre todo tendo en conta que "coa tecnoloxía estas cousas xa deberían ter cambiado: sería tan sinxelo como que a persoa que fose a mercar tabaco tivese que ingresar o seu DNI ou que se lle sacase unha foto coa que poder identificar que é maior de idade"; porque, do contrario, "hoxe pódeche vir un rapaz de 15 anos que polo altura e constitución física semelle que ten 25". "E, se iso pasa, e se lle vende o tabaco crendo que é maior de idade, a responsabilidade é nosa, dos hosteleiros", apunta Sánchez-Ballesteros. 

Ademais, para ter unha máquina dispensadora de tabaco tes que ter cumpridos unha serie de requisitos que resultan "moi confusos", e ter outras máquinas, como as tragaperras, previamente autorizadas. Sumando todas estas cuestións, "ao final sacas moi pouca rendibilidade do tabaco que estás vendendo". De feito, Sánchez-Ballesteros está convencido de que "moitas veces hai hosteleiros que teñen a máquina só por darlle servizo aos seus clientes, non pola rendibilidade, porque hai bares que teñen aos clientes habituais que pola mañá baixan a tomar o café, ler o periódico e fumarse o seu cigarrillo". A estes hosteleiros, en concreto, "a nova normativa valles fastidiar, e moito".

Persoas fumando en terrazas e vías públicas  durante o día no que se decretou a prohibición de fumar en espazos públicos se non se respecta a distancia de seguridade establecida, a 14 de agosto do 2020
Persoas fumando en terrazas e vías públicas durante o día no que se decretou a prohibición de fumar en espazos públicos se non se respecta a distancia de seguridade establecida, a 14 de agosto do 2020 | Fonte: Álex Zea - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta