Díaz e Lois insisten nos dous escanos "decisivos" de Sumar na Coruña e Pontevedra que poden ir ao PP

Sumar apura a campaña coa mensaxe de que compite co PP "os restos" en Pontevedra e A Coruña que poderían decantar a maioría no Hórreo.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 15/02/2024 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, e a candidata de Sumar á Presidencia da Xunta, Marta Lois, subliñaron que a posibilidade dun cambio na Xunta depende de que Sumar logre os dous escanos que, din, compiten co PP nas provincias da Coruña e Pontevedra.

É a mensaxe no que incide Sumar Galicia no tramo final da campaña: que "o cambio" non será posible se quedan fóra do Parlamento galego porque, aseguran, eses escanos de "os restos" nas provincias atlánticas irán parar ao Partido Popular.

Sobre esta proclama virou o mitin que reuniu a unhas 150 persoas nunha sala (na que quedaron cadeiras baleiras) da sede de Afundación de Pontevedra. Alí pechou a xornada a vicepresidenta e líder de Sumar, envorcada co final da campaña galega para arroupar á súa candidata, Marta Lois.

Despois de contar co portavoz no Congreso, Íñigo Errejón, pola mañá nun acto con estudantes da Facultade de Ciencias Políticas da USC, na tarde foi a quenda do ministro de Cultura, Ernest Urtasun.

A candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta de Galicia, Marta Lois, intervén durante un acto de campaña de Sumar
A candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta de Galicia, Marta Lois, intervén durante un acto de campaña de Sumar | Fonte: Agostime

Yolanda Díaz apelou directamente ao 20% de indecisos que apunta o último barómetro do CIS. A eses "que dubidan", a vicepresidenta galega anima a optar por Sumar porque "a fórmula matemática é clave" e os escanos aos que opta polas circunscricións da Coruña e Pontevedra xóganllos ao PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta