Confirmada a pena de 22 anos de cárcere para un veciño de Oroso que estrangulou á súa nai e incendiou a casa

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2024 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Galicia confirmou a condena de 22 anos e medio de cárcere que a sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, impuxo ao veciño de Oroso que matou á súa nai e incendiou o domicilio familiar en xuño de 2021.

O acusado foi considerado culpable dun delito de asasinato, concorrendo a circunstancia de aleivosía, e dun delito de incendio con risco para a vida ou integridade física das persoas, de menor entidade, concorrendo a circunstancia atenuante de reparación do dano.

Na sentenza, que confirmou o alto tribunal galego, considérase probado que o condenado aproveitou que a súa nai estaba en cama para asfixiala utilizando unha peza de roupa, probablemente unha camiseta, que enrolou no seu pescozo e apertou, durante uns minutos, ata causarlle a morte. Tras acabar coa vida da súa nai, segundo o fallo, procedeu a prender lume ao domicilio.

O Tribunal do Xurado considerou probado que o acusado, "de forma deliberada e para eliminar a posibilidade de defensa da súa nai", atacouna por sorpresa, na cama, "aproveitando que se atopaba baixo os efectos sedantes da inxesta de Lorazepam", así como que a chamada de alerta ao servizo de emerxencias 112, avisando do incendio, "contribuíu de maneira relevante a que os danos do incendio non fosen maiores".

Os maxistrados do TSXG subliñan na sentenza que "existiu proba bastante" para enervar o principio de presunción de inocencia, rectamente interpretada e "sen que exista dubida algunha" da autoría do recorrente da morte da súa nai e o incendio sucedido con posterioridade, o que disipa a posibilidade de aplicar o principio 'in dubio pro reo'.

Xuízo en Santiago
Xuízo en Santiago | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta