Xa son 17 os parques eólicos paralizados polo TSXG: súmase o de Ventumelo, na Ribeira Sacra

A Sala asegura que non se pode dar por "enteiramente veraz" a declaración ambiental da Xunta debido a unha "fragmentación artificiosa" do proxecto.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 13/03/2024 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu de forma cautelar a autorización de construción da Xunta para o parque de Ventumelo, na Ribeira Sacra (entre os municipios coruñeses da Pobra de Trives e San Xoán de Río, así como do lucense Ribas de Sil). Deste xeito, as suspensións de eólicos realizadas pola sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia tras a sentenza do Supremo do pasado mes de decembro ascenden a 17. O pasado martes xa transcendera o número 16, nese caso no parque eólico de Troitomil, situado entre os concellos da Baña e Negreira.

Concretamente, o alto tribunal galego adaptou os seus criterios á doutrina do Supremo de finais de 2023, que rexeitou dúas das causas que o TSXG empregaba para a paralización destes proxectos. Agora, decide as súas medidas cautelares con base en impactos ao medio ambiente. Nun auto con data do 7 de marzo, apúntase a unha "fragmentación artificiosa" deste proxecto eólico de Ventumelo, con risco ambiental. De feito, a Sala avisa de que non se pode dar por "enteiramente veraz" a declaración de impacto ambiental (DIA) realizada polo Goberno galego.

"Por máis que se nos asevere que a sinerxía non impacta negativamente sobre o ambiente porque a DIA así o refire, verdadeiramente, neste momento procesual, non podemos dar por enteiramente veraz este documento, nin os informes que o apoian tanto administrativos como os achegados nesta vía xurisdicional, xa que persiste a incógnita sobre se a DIA refire a radiografía exacta do medio ou estaría mediatizada pola fragmentación artificiosa do parque, que é un motivo de impugnación da recorrente", sostén o TSXG.

VALORACIÓN DE ACOUGA

Respecto diso, o avogado e secretario xeral da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), Xoán Antón Pérez-Lema, que dirixiu o recurso de veciños afectados polos parques de Ventumelo e Troitomil, valora que estes autos "respectan claramente a esencia dunha medida cautelar: evitar o perigo de que unha moura procesual causase prexuízos paisaxísticos, ambientais, patrimoniais e mesmo económicos de moi difícil reparación".

Apunta que ambos os autos explican que nos dous casos recorridos ante o TSXG "conflúen varios parques eólicos nas proximidades" dos que agora se pretende instalar, "de modo que o Tribunal non pode dar por enteiramente veraces" as Declaracións de Impacto Ambiental (DIA) referidas a estes proxectos "nin os informes que as apoian, xa que persiste a incógnita sobre se a DIA refire a radiografía exacta do medio ou estaría mediatizada pola fragmentación artificiosa do parque".

As dúas resolucións xustifican a suspensión na aparencia de bo dereito dos argumentos esgrimidos polos recorrentes, tendo en conta que o Tribunal "aprecia ben fundamentada a impugnación de quen pretende a tutela cautelar". Ademais, o tribunal introduce o que cualifica como "unha pequena innovación" en apoio das suspensións cautelares solicitadas: que "sexan manifestas as infraccións ao ordenamento xurídico" ás que se refiren os recorrentes e, por tanto, poidan ser susceptibles de nulidade as actuacións administrativas cando se xulgue o caso. Acouga tamén chama a atención sobre o principio de cautela, prevención e precaución en materia ambiental. No caso de Ventumelo, apúntase á "grave afección" en espazos en Rede Natura 2000 e en especial sobre flora e fauna, algunhas delas en perigo de extinción.

Varias vacas pastan xunto a un aeroxerador eólico no Parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral
Varias vacas pastan xunto a un aeroxerador eólico no Parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta