Rueda pídelle ao BNG seriedade política: "Non pode cambiar de opinión por comeniencia"

O presidente da Xunta refírese á posibilidade de que os nacionalistas non lle cedan un posto ao PSdeG na Mesa do Parlamento. "O desenlace pode ser interesante", ironiza.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/03/2024 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

Quedan moi poucos días para a constitución da Mesa da Cámara, catro días e, polo momento, non se sabe que partidos estarán representados neste órgano nin se haberá cambios importantes nel, sobre todo, por parte do PPdeG. A elección da Mesa do Parlamento, principal órgano executivo da Cámara galega, marca sempre o inicio da actividade política en Galicia logo dunhas eleccións, pero tamén, avanza pistas sobre os obxectivos dos partidos que están representados nel, tanto pola composición como polos integrantes da mesma. 

Mesa do Parlamento de Galicia, presidida por Miguel Santalices.. PARLAMENTO DE GALICIA
Mesa do Parlamento de Galicia, presidida por Miguel Santalices.. PARLAMENTO DE GALICIA

E, este ano, hai dúas grandes incógnitas; por unha banda, quen será o seu presidente e, polo tanto, o da Cámara galega e, pola outra, cantas formacións políticas estarán representadas nel. Tradicionalmente, neste órgano sempre estiveron representados os principais partidos políticos; PPdeG, PSdeG e BNG, pero isto pode cambiar xa que no BNG aínda non hai un acordo sobre a cesión dun dos dous postos que lles corresponde, en función das votacións, ao PSdeG.

A portavoz nacional do BNG, Ana Ponton, dicía esta semana que esta decisión será dos órganos directivos da formación frontista sobre a posibilidade de ceder un posto na Mesa do Parlamento galego ao PSdeG como xa ocorreu fai catro anos. Con todo, tamén deixaba claro que a que se abrirá a próxima semana é "unha lexislatura diferenciada" na que existe unha "gran distancia" a nivel aritmético entre o Bloque e os socialistas.

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta e deputado electo, José Ramón Gómez Besteiro, avogaba, en cambio, por que haxa "pluralidade" neste órgano ao asegurar que é "o máis edificante e o máis construtivo" nunha Cámara na que hai "diferentes forzas".

RUEDA CRITICA AO BNG

Unha opinión que, curiosamente, tamén comparte o preside da Xunta, que aproveitou a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta para botarlle en cara aos nacionalistas que agora digan cousas diferentes ás que dicían hai uns anos, cando estaban de terceira ou cuarta forza na Cámara galega e reclamaban máis pluralidade nos órganos parlamentarios.

"hai que ser coherentes co que se di cando un está nunha posición e agora que se está noutra", dixo Rueda ao ser preguntado por isto. "E as cousas que se din hai que mantelas porque non se pode cambiar de opinión segundo as comeniencias", espetou en alusión aos nacionalistas. 

Neste sentido, avanzou que "o desenlace" das negociacións entre nacionalistas e socialistas por este posto na Mesa da Cámara "pode ser interesante porque gobernan en moitas administracións". "E isto está ben para ver se son quen de entenderse. Estaremos atentos", ironizou.

CAMBIOS NO PPdeG

Do que si non quixo dar pistas é se o PPdeG cambiará ao presidente e vicepresidenta deste órgano, actualmente, Miguel Santalices e Elena Candia. "Quedan un días e estamos traballando", dixo. O que si se sabe é que os populares terán que designar, cando menos, a unha persoa para ocupar a Secretaría da Mesa, que ata agora ocupaba a viguesa Corina Porro.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta