Nova convocatoria de 14 bolsas de formación nas Oficinas de Información Turística das cidades galegas

O prazo para solicitar a bolsa comezará este martes 19 de marzo e terminará o 18 de abril.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2024 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a nova convocatoria de bolsas de formación práctica nas Oficinas de Información Turística dependentes da Xunta. Poderán ser beneficiarias 14 persoas, que realizarán as súas prácticas nas oficinas de titularidade autonómica situadas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela.

O programa formativo, para o cal Turismo de Galicia destina preto de 90.000 euros, desenvolverase ao longo deste ano 2024 cunha duración máxima de seis meses. Ofrécense catro bolsas nas oficinas de Turismo de Galicia en Santiago de Compostela (dúas na situada na rúa do Vilar e outras dúas na de rúa Carretas), mentres que nas restantes cidades haberá dúas prazas en cada unha das oficinas.

O prazo para solicitar a bolsa comezará este martes 19 de marzo e terminará o 18 de abril. Concederanse en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta o cumprimento dos requisitos e a valoración dos méritos e entrevista persoal. Como se indica no DOG, entre os requisitos, as persoas interesadas deberán estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, dalgún dos seguintes títulos: grao en turismo; técnico superior en guía, información e asistencia turísticas; técnico superior en axencias de viaxes e xestión de eventos.

Ademais, as persoas que soliciten estas bolsas deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4, perfeccionamento ou título equivalente. No caso do inglés, deberase achegar certificado B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas ou superior. As persoas beneficiarias non poderán, ademais, ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego. Todos os requisitos e méritos avaliables están dispoñibles na convocatoria publicada no DOG.

Peregrino
Peregrino | Fonte: Eduardo Sanz - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta