O Sergas terá que sufragar a un ancián a compra dun fármaco non financiado por ausencia de alternativa terapéutica

O ancián foi diagnosticado en 1990 de disautonomía primaria, unha enfermidade crónica que supón un fallo no sistema nervioso autónomo. Para tratala o home precisa dun fármaco chamado Gutron, un estimulante cardíaco baseado na 'midodrina' para o que, segundo os doutores, "non existe alternativa terapéutica", pero que foi excluído do catálogo de medicamentos financiados pola Xunta en 2005.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2024 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou un recurso do Sergas e confirmou unha sentenza que obriga á administración sanitaria a sufragar a compra dun fármaco non incluído no financiamento público pero para o que un paciente non dispón de "alternativa terapeútica". En concreto, o fallo recolle que o ancián foi diagnosticado en 1990 de disautonomía primaria, unha enfermidade crónica que supón un fallo no sistema nervioso autónomo.

Para tratala, consideran os especialistas, o home precisa dun fármaco chamado Gutron, un estimulante cardíaco baseado na 'midodrina' para o que, segundo os doutores que atenderon ao paciente, "non existe alternativa terapéutica", pero que foi excluído do catálogo de medicamentos financiados pola Xunta en 2005.

A compra deste medicamento supón para este home un gasto duns 78 euros cada 10 días, polo que reclama que se lle abonen algo máis de 8.000 euros pola súa adquisición desde febreiro de 2019, así como que se lle financie a partir de agora, algo que xa foi fallado en primeira instancia.

A pesar do recurso do Sergas contra o fallo que daba a razón ao denunciante, o TSXG comparte as argumentacións do tribunal e apunta que, aínda que estea excluído do catálogo, este medicamento "é o que os especialistas establecen que o home necesita, sen posibilidade de tratamento alternativo". Por iso, condena ao Sergas a abonar esta cantidade e a pagar este medicamento en tanto siga sendo prescrito polos facultativos do sistema público de saúde.

Medicamentos
Medicamentos | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta