Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2024 | Actualizada ás 18:18
A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, anunciou a presentación dunha denuncia contra a instalación de Altri á Comisión de Peticións da Eurocámara por incumprimento da normativa europea. Esta decisión enmárcase na campaña que leva a cabo o BNG contra a instalación da fábrica de celulosa e de fibras téxtiles da empresa Altri en Palas de Rei.
Así, Miranda trasladou á Comisión Europea que este posible incumprimento da normativa comunitaria -- en concreto o artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 -- por parte Altri a través dunha pregunta parlamentaria.
"Queremos saber se este proxecto incumpre a normativa europea, porque non podemos consentir que se concedan fondos europeos a un complexo que pon en serio perigo a biodiversidade e o sector agrogandeiro de varias comarcas", sinalou Miranda no transcurso dunha visita que realizou á 'zona 0' da instalación deste proxecto xunto con alcaldes e concelleiros do BNG dos concellos afectados.
Na pregunta, a eurodeputada do Bloque explica ademais que este proxecto está a xerar "gran preocupación en Galicia debido ao seu posible impacto ambiental e socioeconómico".
Sinala que a construción deste complexo está supeditado á recepción de axudas públicas dos fondos Next Generation, a través dos Perte, "que xa foi rexeitado en 2023, na convocatoria do Perte de descarbonización industrial por incumprir a normativa europea, pero a compañía segue optando a próximas convocatorias destes fondos de recuperación europeos".
"O elevado consumo de enerxía e auga; a posible contaminación no río Ulla e na Ría de Arousa; así como a dependencia da madeira de eucalipto e a perda de biodiversidade, son algúns dos aspectos que deberan ser considerados na avaliación ambiental no caso de que este proxecto concorra a fondos europeos", destacou Ana Miranda ao respecto da tramitación do proxecto.
Doutra banda, a eurodeputada nacionalista tamén presentou outra pregunta á Comisión Europea na que informa de que a falta de ampliación da Rede Natura pode posibilitar instalacións dun proxecto da empresa Greeenfiber, en concreto unha macrocelulosa nunha dos lindes do ZEC É11/0014 na Serra do Careón.
"A Rede Natura hai anos que debería ser ampliada e ao non facelo, o Goberno galego vulnerou as reiteradas advertencias europeas que a Comisión formulou desde 2011 para que a Xunta ampliase este espazo protexido", afirmou Ana Miranda.
A este respecto, a eurodeputada nacionalista acusou á Xunta de usar a ausencia de protección para promover proxectos "que atentan contra o medio ambiente e incumpren a normativa europea".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.