Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2024 | Actualizada ás 14:40
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tendeu a man ao candidato á Presidencia da Xunta polo PP, Alfonso Rueda, para alcanzar acordos "de país", pero manifestou o seu rexeitamento ao pacto industrial ofertado polo popular no seu discurso de investidura, pois a nacionalista cre que representa o "espolio" de recursos naturais para "entregar os beneficios" a un "puñado de multinacionais" sen que revertan as virtudes no territorio.
Pontón avanzou na súa intervención durante o debate de investidura que se renovou na mañá deste xoves no Pazo do Hórreo que o "reforzado" grupo parlamentario do Bloque tras as eleccións autonómicas do 18 de febreiro enfoca esta lexislatura como unha oportunidade para actuar como un "goberno alternativo" que "a cada crítica" ao labor da Xunta exporá "que faría" o BNG desde San Caetano "para mellorar a vida da xente".
Así, incidiu en que o Bloque encara este catro anos "coa intención de facer política de luces longas", o que Pontón contrapuxo á "crispación" que, ao seu xuízo, o PP "está a instalar na vida pública" e que pediu a Rueda que abandone para poder alcanzar "acordos de país" en asuntos como a sanidade, vivenda, enerxía ou "calidade" democrática.
"Para formar parte da 'Confraría da Perpetua Crispación' que lle impón (Alberto Núñez) Feijóo, non conte connosco", aseverou Pontón, nunha chiscadela ás palabras de Rueda nas que, durante o discurso de investidura, acusou veladamente ao Bloque de actuar como a "confraría do perpetuo non" pola súa postura contraria ao proxecto de Altri en Palas de Rei ou as súas críticas ao desenvolvemento de proxectos eólicos na Comunidade galega.
Neste sentido, a líder frontista manifestou o seu rexeitamento ao pacto industrial ofrecido por Rueda á oposición tamén o pasado martes e que entende como unha forma de lexitimar o modelo de "espolio" enerxético e de recursos naturais que, di, facilitan os gobernos do PP desde a Xunta. "Se realmente quere un pacto industrial fagamos que esta sexa a legilsatura dun modelo eólico a favor da maioría social e para favorecer a industrialización", sentenciou Pontón antes de subliñar que o BNG aposta por "unha industria do século XXI, sustentable co territorio, co medio ambiente e co rural".
Para Pontón, estas últimas cuestións están en risco coa intención da multinacional portuguea Altri de instalar unha "macrocelulosa" na comarca da Ulloa, un proxecto sobre o que acusou á Xunta de "mentir" e "enganar" á cidadanía. "Se é tan bo, por que non o queren en Portugal?", preguntouse para, a continuación, autorresponderse: "Porque é contaminante".
Así pois, advertiu que o BNG rexeita que "se coe como industrialización" o que consideran "unha agresión descomunal" ao medio ambiente, ao sector agrogandeiro da comarca e ao sistema fluvial do Ulla que chega ata a ría de Arousa. Todo, continuou, dentro dun proxecto que espera 250 millóns de euros de axudas públicas para a súa posta en marcha, polo que Pontón convidou a Rueda a explicar aos máis de 200.000 autónomos galegos que "quere que Altri reciba catro veces máis axudas públicas que as que o seu goberno lles concede cada ano".
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida por Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
"REALIDADE FRONTE A DEMAGOXIA"
Pontón iniciou a súa intervención coa reclamación de que Galicia asuma un papel activo na denuncia do "xenocidio" do pobo palestino por parte de Israel para contribuír a un "mundo en paz" que se ve ameazado por un contexto que "abre as portas a un novo conflito a escala global" que repite "os erros do pasado".
Tras isto, a líder nacionalista repasou parte do discurso de investidura de Rueda o pasado martes, que considera asentado unha "demagoxia" afastado da "realidade" dos galegos en asuntos como a saúde da lingua propia de Galicia, a débeda pública, a demografía, a xestión dos recursos naturais ou a emigración de mozas por "falta de oportunidades".
"Salga da súa realidade de 'Telexornal', señor Rueda", sentenciou Pontón, que cre que o popular "empeza mal" o seu novo mandato porque "demostrou" no seu discurso "que está espido, que non ten proxecto de futuro" ao "limitarse a repetir o de sempre e presumir do resultado electoral".
Por iso, convidou ao popular a tomar nota dos 715.000 galegos que votaron por outras opcións políticas distintas ao PP expresando nas urnas que desexan "outra forma de gobernar" e "non queren recortes en educación, nin un sistema de coidados das persoas maiores que fai negocio coa vellez, nin unha política de vivenda que deixa á xente nova en casa dos seus pais".
CATRO ACORDOS DE PAÍS
Así, a líder frontista ofreceu ao PP alcanzar catro "grandes" acordos "de país" en áreas como a sanidade, a xestión da enerxía, a vivenda e a "calidade" democrática, que inclúen, respectivamente, a "blindaxe" do financiamento que recibe a atención primaria, o fin da "precaridad" dos profesionais do Sergas, un plan de vivenda pública para adquirir os pisos baleiros e polos no mercado, a creación dunha empresa pública enerxética e medidas para mellorar a accesibilidade á información pública e acabar coa "manipulación" na CRTVG.
Deste xeito, Pontón concluíu a súa intervención, despois de incidir en que o BNG traballará na Cámara autonómica "co apoio do case medio millón" de persoas que optaron o 18-F pola súa papeleta, para "defender" os intereses de Galicia, un camiño ao que pedido a Rueda que atenda a "man tendida" do Bloque para "por unha vez, dialogar, negociar e tecer acordos".
"Demostre que está disposto a facer política con maiúsculas, porque ata agora só desmostrou que canto mellor lle vai ao PP, peor lle vai a Galicia", sentenciou antes de despedirse do estrado desexando "acertos" a Rueda na súa etapa como presidente porque estes "redundarán en beneficio deste país, que é o que quere o BNG".¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Misa e ofrenda da Armada en Ferrol en recordo e homenaxe aos "caídos pola patria"
- O BNG denuncia o "uso indebido" de fondos UE que terían que ir ao apoio de alumnos con necesidades especiais
- Caballero deféndese pola polémica dos cartóns de acceso: "O PP non soporta que o Nadal de Vigo teña máis éxito que o Xacobeo"
- Rueda cancela a súa axenda para este xoves pero non os seus conselleiros
- As candidaturas aos órganos de dirección de Sumar Galicia poderanse presentar do 4 ao 15 de novembro
- Sumar busca espazo propio en Galicia tras a crise aberta por Íñigo Errejón