Adxudicado o novo contrato do SAF en Santiago, "con máis horas de servizo e compromiso cos dereitos laborais"

O goberno local confía en que con esta adxudicación haxa "un antes e un despois" no Servizo de Axuda no Fogar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2024 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago adxudicou, nunha sesión extraordinaria, a xestión do Servizo de Axuda no Fogar á UTE SIAD24-Asistenzia Santiago e defenderon que con este novo contrato se ofrecerán máis horas de servizo e un maior compromiso cos dereitos laborais, entre outros aspectos. O prezo do contrato, de dous anos de duración, será de 12,7 millóns de euros, a totalidade do orzamento previsto na licitación.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, mostrou o seu desexo de que con esta adxudicación "haxa un antes e un despois no SAF e se consigan os obxectivos que están fixados na licitación de mellorar a atención ás persoas usuarias pero tamén de protexer os dereitos das traballadoras". A concelleira deu conta este venres da adxudicación do contrato, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Teresa Furelos, xefa de Servizo da área de Acción Social, e por Eva María González, xefa de sección.

María Rozas agradeceu o intenso traballo de todo o departamento, xa que se conseguiu adxudicar "un contrato complexo e dunha contía moi elevada nun prazo de só tres meses e medio e sen sobresaltos, fronte á licitación anterior do servizo que se demorou por máis de nove meses". "Todos tiñamos un enorme interese en sacar adiante este contrato canto antes, porque o descontento coa actual adxudicataria é coñecido, do mesmo xeito que as sancións que o Concello lle impuxo á empresa polos seus incumprimentos nun servizo enormemente sensible".

María Rozas reiterou a "importante aposta" que o Goberno fixo por ter o "mellor Servizo de Axuda no Fogar posible", dotándoo dun orzamento que de 6,3 millóns de euros anuais, o que supón un incremento do 73% con respecto ao anterior contrato".

O custo por hora será de 22,71 euros, fronte aos 17,32 euros do anterior contrato (ambos sen IVE). O prezo por hora ofertado pola UTE é menor do establecido nos pregos, de maneira que se poderán prestar case 270.000 horas de servizo, 10.000 máis das previstas e 110.000 máis das prestadas en 2023.

A Concelleira de Dereitos e Servizos Socias, María Rozas
A Concelleira de Dereitos e Servizos Socias, María Rozas | Fonte: CONCELLO DE SANTIAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta