Piden medidas urxentes para garantir a seguridade no Psiquiátrico de Conxo ante a diminución de persoal

CIG- Saúde denuncia que as "infraestruturas inadecuadas" e os "cadros de persoal deficientes" poñen en risco a integridade física dos traballadores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2024 | Actualizada ás 19:45

Comparte esta noticia

CIG-Saúde convocou unha concentración este venres ás portas do Hospital Clínico de Santiago para esixir á xerencia que adopte medidas urxentes para garantir a seguridade e a saúde do persoal do Psiquiátrico de Conxo. Segundo o sindicato, foron notificadas 17 agresións físicas neste centro, o que o secretario nacional de Saúde do sindicado, Manuel G. Moreira, atribúe a "a situación na que se atopa o propio sistema sanitario".

Así, Moreira denunciou a "inacción" da xerencia da área sanitaria ante os problemas de saúde laboral que, asegura, "se agudizaron nos últimos tempos". Unha problemática que, tal e como denunciou, deriva de "infraestruturas inadecuadas e de cadros de persoal deficientes para xestionar" o que ocorre. Tamén explicou que as agresións se producen de forma maioritaria durante as fins de semana, "cando os cadros de persoal están máis diminuídos" e as persoas ingresadas "teñen menos posibilidades de realizar actividades".

Pola súa banda, a delegada de prevención da CIG, Irene Tato, explicou que a falta de persoal se agravou tras aprobarse o acordo de redución de xornada o ano pasado. "Este ano fíxose unha redución de xornada de 70 horas e a xestión da dirección non garantiu a cobertura necesaria de todas as horas que quedaron sen cubrir", reprochou. Nesta liña, sinalou que en diferentes quendas de traballo diminuíu o persoal, polo que "hai unidades que están moi por encima do número de pacientes que debería de haber".

CIG-Saúde concéntrase ante o Hospital Clínico de Santiago.. CIG
CIG-Saúde concéntrase ante o Hospital Clínico de Santiago.. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta