Rueda aproveita o "pau monumental" ao Goberno pola lei do litoral e esixe a PSOE e BNG desculpas

"Pidan desculpas, teñan humildade para recoñecer os erro", dixo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2024 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este mércores que o Tribunal Constitucional (TC) deu un "pau monumental" ao Goberno polo seu "ensañamento" contra Galicia coa Lei galega do Litoral e instou ao BNG e ao PSdeG a pedir desculpas pola súa postura neste asunto.

O máximo mandatario autonómico aproveitou a sesión de control o Parlamento para celebrar o fallo do pleno do TC que avala por unanimidade a lei galega despois de que o Executivo estatal presentase recurso contra diversos preceptos, o que deu lugar á súa suspensión parcial.

Durante a súa quenda de réplica ao portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, Rueda asegurou que a actitude do Goberno presidido por Pedro Sánchez de negar "o pan e o sal" a Galicia traduciuse nun "pau monumental" por parte do Tribunal Constitucional.

Ademais, emprazou ao socialista, que foi Delegado do Goberno en Galicia, a que falase unha vez máis "en nome de Pedro Sánchez" para pedir desculpas polo "ensañamiento" e o "trato discriminatario" a Galicia. "Pidan desculpas, teñan humildade para recoñecer os erros e propósito de emenda para corrixilos. Iso si sería ser útil a Galicia", afirmou.

A este respecto, Besteiro respondeulle lembrando que o Partido Socialista non votou en contra desta lei. "Nunca dixemos se era Constitucional ou non", trasladoulle para lembrarlle a Rueda as declaracións do dirixente popular Esteban González Pons nas que se referiu a este órgano como o "cancro do Estado de Dereito" e pedirlle aos populares que "respecten sempre as decisións do Tribunal Constitucional" e non só cando lle "convén".

REPROCHE Ao BNG

Na que é a primeira sesión de control da XII Lexislatura, o presidente galego tamén se referiu ao fallo do TC sobre a lei galega durante a súa réplica á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Así, Rueda lembroulle a Pontón titulares de prensa con declaracións de membros do seu partido para instar os nacionalistas a "falar cun mínimo de rigor" desde a oposición.

"Rexeneración democrática tamén é que, cando se mete a pata como a meten vostedes, pídense desculpas, ser humilde para enmendalo", sostivo durante a súa resposta á portavoz do Bloque, que emprazou a Rueda a rectificar o veto do seu partido a que se auditen os contratos de emerxencia realizados pola Xunta durante a pandemia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intervén durante a sesión de control do Parlamento de Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intervén durante a sesión de control do Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

ÁNGELES VÁZQUEZ

Tamén a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reivindicou este mércores o aval do Tribunal Constitucional á Lei do Litoral de Galicia, afeando a posición contraria do BNG e o PSdeG. "Unha pena que non estivesen á beira dos galegos", censurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta