Julia Ammerman, docente de Dereito Civil sobre a propiedade intelectual: "A obra está protexida desde que a concibes"

Como se rexistra unha obra? Que hai que ter en conta? Que ocorre cos dereitos de autor ante a intelixencia artificial?

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 26/04/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Hoxe día 26 de abril é o Día Mundial da Propiedade Intelectual, pero tes claro en que consiste? "Parece que todo o que está en internet é de libre uso", afirma Julia Ammerman Yebra, profesora e investigadora de Dereito Civil na Universidade de Santiago de Compostela, que explica en que consiste este concepto. "A propiedade intelectual é un conxunto de dereitos que pertencen, tanto a autores como artistas ou outras persoas, que participan na creación dunha obra, por exemplo os productores. Son dereitos que teñen por obxecto a protección de obras, actuacións, interpretacións, que poden ser de moi diversa índole. Poden ser obras pictóricas, literarias, artísticas, arquitectónicas...", expón. 

Julia Ammerman na facultade de Dereito
Julia Ammerman na facultade de Dereito

Destaca que se poden facer dúas distincións no que atinxe a tipos de protección. A primeira "polo titular dos dereitos", hai por un lado "os dereitos de autor e por outra banda hai os dereitos doutras persoas que participan nunha creación", que por exemplo serían os relativos aos artistas intérpretes. Unha segunda gran división que distingue "entre os dereitos patrimoniais ou económicos e os dereitos morais". Julia define estes últimos como "irrenunciables e inalienables" e pon de exemplo de dereitos morais "esixir o respecto á integridade da obra ou decidir en que forma se divulga a obra". No caso dos dereitos patrimoniais ou tamén chamados "dereitos de explotación", poden ser obxecto de cesión a terceiros e teriamos os dereitos de reprodución, de distribución, de comunicación pública e de transformación. 

A investigadora fai fincapé na importancia da propiedade intelectual porque significa que "todo o que cree o ser humano como unha creación intelectual ou artística, está protexido". Neste sentido considera clave ensalzar que estaría protexido desde o momento da súa concepción ou creación porque xa é aplicable a lei. "Que sucede? Que na práctica moitas veces creas unha obra nun contexto no que pode haber terceiros que coñezan esa obra, entón para estar máis protexido, o que hai que facer é rexistrar a obra no Rexistro da Propiedade Intelectual ou as veces, directamente, se publica si se trata de algo escrito", expón. No caso de non rexistralo, un podería estar indefenso ante un uso de terceiros. Porén, se un pode probar que  a obra é súa, "a obra está protexida desde o momento que a concibes". 

O USO ÉTICO E LEGAL DOS DEREITOS DE AUTOR EN INTERNET

Faise un uso ético ou legal da información en internet e dos dereitos de autor? Julia indica que moitas veces non se citan as fontes de onde se saca a información correctamente. Así, textos, imaxes e demáis arquivos teñen unha autoría "que canto menos tes que respectar no referente aos dereitos morais". Neste sentido, en moitos casos se tería que pedir unha licencia para usar unha fotografía ou obra audiovisual ou se é para unha investigación científica se tería que citar correctamente a esa persoa. "É certo que a técnica vai permitindo que cada vez haxa programas mellores para detectar o plaxio, por exemplo o Turnitin, programa que empregamos os profesores para coñecer se hai a posibilidade de que esa obra non sexa de todo orixinal", comenta.  

Nesta liña, a docente e investigadora menciona que o noso Código penal castiga os delitos contra a propiedade intelectual, como son o plaxio ou a piratería, e as penas son de multas, inhabilitación e incluso poderían ser de prisión. E castiga a quen con ánimo de obter un beneficio económico, xa sexa directo ou indirecto, reproduza, distribúa, comunique publicamente ou explote unha obra artística ou científica, sen a autorización do titular. "Na Lei de Propiedade Intelectual tamén se prevén accións e medidas cautelares como a posibilidade de instar o cese da actividade ilícita, esixir unha indemnización de danos materiais e morais, incluso se pode pedir que se publique a resolución xudicial nos medios de comunicación se chega a razón como titular de dereitos de autoría. Así, está protexido por vía civil e por vía penal", afirma. 

QUE OCORRE COA INTELIXENCIA ARTIFICIAL?

Ao falar de propiedade intelectual e dereitos de autor, un hoxe en día xa pensa na intelixencia articial como unha ferramenta de dobre fío. Como se regula? Julia responde: "O regulamento da Intelixencia Artificial vaise publicar de forma inminente xa no Diario Oficial da Unión Europea (UE). Agora mesmo temos o texto que aprobou o Parlamento europeo, o 13 de marzo deste 2024, que prácticamente xa é o texto definitivo. Entrará en vigor de forma progresiva. O que si que recomenda a UE é que todos os sistemas de Intelixencia Artificial se vaian xa daptando ao regulamento. O que fai é esixir uns requisitos, unhas obrigas a todos os sistemas, que dependendo do risco dese sistema, se é máis alto para vulnerar dereitos fundamentais, entón terán unhas obrigas moito maiores para estar no mercado. Dependendo diso, establécense unhas medidas ou outras". 

Explica que no ámbito da propiedade intelectual, por exemplo, o regulamento prevé que os modelos que chama de uso xeral como o ChatGPT, que permiten xerar grandes textos ou imaxes, supoñen un desafío enorme para artistas e autores porque o desenvolvemento e adestramento destes modelos requiren acceder a grandes cantidades de textos, imaxes,... "Todo uso deses contidos de texto e imaxes protexidos por dereitos de autor require autorización do titular dos dereitos. O regulamento di que os titulares destes dereitos de propiedade intelectual, de autor ou de artistas, poden optar por reservarse os seus dereitos en relación coas súas obras para evitar que se utilizan no adestramento destes sistemas de intelixencia artificial", expón. Neste sentido, o regulamento deixa moi claro "que se non hai unha autorización do titular destes dereitos de autor, non se poden usar para o adestramento destes sistemas". 

COMO SE REXISTRA A PROPIEDADE INTELECTUAL?

A solicitude pode facerse ante o Rexistro da Propiedade Intelectual, ben telemáticamente ou presencialmente. En Galicia realizase no Rexistro, situado na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Habería que cubrir uns impresos referidos tanto a autoría como ao tipo de obra, así como entregar un exemplar e cuestións administrativas, como a fotocopia do DNI. Tamén será necesario o xustificante de ter abonado as taxas "que van normalmente entre os 10 e 30 euros". Julia fai de novo fincapé en que o rexistro é voluntario, pero importante a efectos de poder probar que un é o autor da obra.

Indica que revisou as estatísticas do Rexistro nun informe que sacou o Ministerio de Cultura o ano pasado e se fixou en que "en xeral hai ao redor case 40.000 obras cada ano inscritas". Xa máis ao detalle, albiscou que se diferencia por sexo con obras rexistradas por homes e mulleres por tipoloxía. "Chamoume moitísimo a atención porque no 2021, os homes rexistraron ao redor de case 23.000 obras e as mulleres 14.000, e no 2022, parecido. En obras literarias a diferencia é duns 3.000 rexistros máis de obras de homes, 13.000 eles fronte a 10.000 elas. Pero porcentualmente a maior diferencia que vexo está nas obras musicais, onde en 2021 se rexistraron 5.000 obras musicais por homes e 1.388 por mulleres", destaca. Manifesta que tendo estes datos en conta, queda pantente que no tema da creación aínda non se acadou a igualdade, polos motivos que sexan. "Penso que tamén pesan as razóns históricas, xa que durante moitos anos as mulleres non se podían considerar autoras nin neste país nin noutro", conclúe.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta