O novo conselleiro de Cultura aposta por "prestixiar" o uso social do galego: "Falalo é unha riqueza"

Sitúa como retos desta lexislatura as necesidades dos mozos no ámbito da saúde mental, acceso á vivenda e a empregabilidade.

Por Europa Press / Redacción | | 28/04/2024 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

O novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, apostou por "prestixiar" o uso do galego e para iso instou a usalo "con normalidade" nos diferentes ámbitos da vida diaria e na sociedade. Así o declarou nunha entrevista na Cadena SER recollida por Europa Press na que confirmou que, nos últimos días, "está a contactar" cos "principais" axentes da cultura. Neste sentido, indicou que hai "un bo caldo de cultivo" para traballar, ao que hai que "dedicarlle moito tempo, escoitar ao sector e ter capacidade de estar á altura".

O conselleiro apuntou que o sector audiovisual é "un vehículo extraordinario" para comunicar cos mozos e, "sobre todo", para "prestixiar" o uso do galego e dos valores culturais de Galicia.

En canto ao uso da lingua galega na sociedade, José López identificou dous escenarios: o educativo e o social. Neste último remarcou que "hai que prestixiar" o seu uso e para iso débese de "utilizar con normalidade" nos diferentes ámbitos. "Que a xente entenda que, ao final, falar galego é unha riqueza, cultura, social e é unha ferramenta de gran vantaxe competitiva que temos en Galicia. Poder usar de forma indistinta os dous idiomas", enxalzou.

PACTO POLA LINGUA E OUTROS RETOS

Neste contexto, preguntado sobre un pacto pola lingua galega, avanzou que manterá unha reunión co presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, na Coruña para tratar, entre outras cuestións, en que aspectos se pode avanzar nese pacto.

"Creo no diálogo, no pacto e que se poden chegar a acordos interesantes. Por suposto, a RAG é unha institución básica nese proxecto", asegurou. Tamén, entre outros retos a asumir pola súa Consellería fixo referencia á saúde mental, o acceso á vivenda dos máis novos e a empregabilidade.

"TODOS TEMOS MOMENTOS DE PRESIÓN"

Preguntado sobre o tempo de reflexión que se tomou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o conselleiro apuntou que "todos pasan" por "etapas difíciles". "Eu podo estar e podo entender o fondo e se cadra podo discrepar das formas. Todos temos momentos de presión, todos temos situacións difíciles", apuntou.

O conselleiro recoñeceu que en España "non se está" nun momento de tranquilidade e hai unha situación xeral na que "se polarizou demasiado" o ambiente político.

"Creo que hai que buscar un clima de máis tranquilidade, de máis entendemento", apostilou á vez que apuntou que, ao seu parecer e "sen querer situarse moito", Sánchez "seguirá" á fronte do Executivo Central.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes. XOÁN CRESPO
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes. XOÁN CRESPO | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta