Diego Antelo, psicólogo: "Despois dun accidente de tráfico, as vítimas xa non son os falecidos, senón os que se quedan"

O psicólogo do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (GIPCE) Diego Antelo Guerra desgrana no I Congreso Nacional de Psicoloxía das Emerxencias como este grupo leva a cabo a súa intervención ante accidentes nos que hai falecidos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/05/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os accidentes de tráfico están tan normalizados na nosa sociedade que semella que xa estamos inmunizados ante eles: cada día vemos nas noticias un novo accidente en X ou Y estrada que se saldou con tantos feridos ou con algún falecido. Un dato máis no noso día a día que pasa sen pena nin gloria pola nosa mente, sen pararnos a pensar en que detrás deses número hai persoas e familias enteiras que sufren. Inmunizados si que estamos, pero cando lle acontecen a outros. E a gran verdade é que ninguén está exento de ter un accidente ou de ter familiares e achegados que o sufran. En máis casos dos que nos tería gustado os implicados nesas colisións rematan morrendo e, tras a morte, os que se quedan, os vivos, son os que peor o pasan. Despois do accidente a vítima xa non é o falecido, senón os que se quedan, os que teñen que asumir a perda, aqueles que rematan precisando dunha atención psicolóxica para poder seguir adiante coa súa vida.

Equipo de psicólogas do GIPCE atendendo a unha persoa
Equipo de psicólogas do GIPCE atendendo a unha persoa | Fonte: COLEXIO OFICIAL DE PSICOLOXÍA DE GALICIA - Arquivo

Este 2024, por desgraza, o número de accidentes de tráfico aumentou con respecto ao pasado ano 2023: concretamente un 16 % no primeiro trimestre. Os maiores aumentos destes accidentes déronse nas autovías e autoestradas, cun 50 %; mentres que en estradas secundarias o aumento foi menos significativo, do 5 %. As causas poden ser múltiples: velocidade inadecuada ou excesiva, non levar o cinturón de seguridade, ir mirando ou falando polo móbil, o consumo de alcol e drogas, nenos que xogan no asento traseiro e despistan aos pais e fan que se dean a volta... Máis aló do número de accidentes, o máis importante é o número de falecidos nos mesmos: no primeiro trimestre do ano xa houbo 261 falecidos en vías interurbanas e 908 feridos hospitalizados. Hai que ter en conta que ás veces algúns destes feridos rematan falecendo no hospital e eses falecementos non computan como falecidos en accidentes de tráfico. 

A pesares de todas as medidas de seguridade e campañas de tráfico que axudan a concienciar no momento, porque xeran un grande impacto, ao final rematan por esquecerse e a xente volve apretar o acelerador nunha sociedade na que as présas imperan. Con todo, non é menos certo que tamén en moitas ocasións os accidentes xéranse porque as autoestradas e as estradas convencionais non estás nas circunstancias máis adecuadas, cheas de baches, pouco iluminadas, con asfalto deslizante... Deste xeito, evitar os accidentes é cousa de todos, non só das persoas tomando precaucións ao volante, senón tamén das propias Administracións, que deben manter e conservar as estradas adecuadamente. Ademias, hai que ter en conta que cando falamos de tráfico non só nos referimos aos coches, tamén a atropelos en pasos de peóns e mesmo, máis recentemente, a patinetes eléctricos, o cal amplía o campo de intervención dos psicólogos de emerxencias.

"NO 2023 NON SÓ REPUNTARON OS ACCIDENTES EN XERAL, SENÓN OS GRAVES"

Sexa como fose o tipo de accidente de tráfico, o psicólogo do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (GIPCE) Diego Antelo Guerra asegura no I Congreso Nacional de Psicoloxía das Emerxencias celebrado a pasada semana en Santiago que, ante casos de accidentes de tráfico, "hai un modelo de traballo pautado, un protocolo común máis ou menos previsto para que todos os psicólogos fagamos esta función da mesma maneira ou, alo menos, semellante". Dende o GIPCE "analizando a evolución gráfica de como foi variando o número de intervencións ao longo dos últimos 10 anos, o pasado ano 2023 foi un ano un pouco curioso no que houbo un repunte bastante alto de accidentes, non só de accidentes en xeral, senón de accidentes bastante graves nos que foi precisa a nosa intervención, é dicir, non só aumentou o número de accidentes senón tamén a complexidade dos mesmos".

Accidente de tráfico rexistrado na zona da Fervedoira, en Lugo
Accidente de tráfico rexistrado na zona da Fervedoira, en Lugo | Fonte: POLICÍA LOCAL DE LUGO - Arquivo

A función primordial do GIPCE é coidar, protexer e auxiliar ás vítimas de accidentes de tráfico, "entendendo como vítimas neste caso ás familias, porque este grupo de intervención sempre atende en casos nos que hai falecidos, non en todos os accidentes de tráfico, pois un dos requisitos é que existan falecidos". A súa cobertura é total: os 365 días do ano durante 24 horas ao día. O 112 Galicia é o que recibe a primeira demanda e, a partir dese momento, pode considerar precisa a intervención do GIPCE. O grupo, ao longo do ano 2023, fixo 7 asesoramentos telefónicos, 6 intervencións presenciais con mobilización, movéronse 18 GIPCEs ao longo do ano, fíxose asesoramente só teléfonico con 6 afectados e atendeuse presencialmente en 60 ocasións: a 54 adultos e 6 menores. En total, o número de afectados atendidos foi de 66 (60 adultos e 6 menores).

"OS ACCIDENTES DE TRÁFICO SON A PRIMEIRA CAUSA DE MORTE NA POBOACIÓN DE 14 A 29 ANOS"

E é que, como lembra o psicólogo, "o accidente de tráfico non só xera lesións físicas, senón que tamén ten repercusión psicolóxica: o que se coñece como secuelas psicolóxicas". E é que os accidentes de tráfico son a terceira causa mundial de falecemento nas sociedades desenvolvidas, e na poboación de entre 14 e 29 anos son a primeira razón e causa de morte. Como evidencia Antelo Guerra, "son un verdadeiro problema de saúde pública, porque ademais de crear estas secuelas psicolóxicas e agravar as xa existentes, tamén son unha das principais causas de discapacidade a nivel mundial". En España prodúcense ao redor de 350 accidentes ao ano con resultado de lesións graves.

Con estes datos na man pode entenderse precisamente esa necesidade de que existan equipos de atención ás vítimas, "especialmente en Galicia, que non é unha comunidade afortunada con respecto aos datos de accidentes". O GIPCE ten esa capacidade de atender protocolariamente ante casos de accidentes graves. Accidentes de tráfico que, repetimos, non só implican a coches, senón tamén a trens, barcos ou calquer outro tipo de vehículo que participe na circulación ou no transporte. Pero, como se activa a intervención de GIPCE e como traballa? Como explica Antelo Guerra, a primeira fase, a de activación, sempre se produce a través do 112, por chamada telefónica. A primeira persoa que atende esa demanda é unha xefa de garda que está unha vez á semana conectada ao teléfono móbil 24 horas e que recibe as posibles demandas que existan.

REQUISITOS PARA QUE O GIPCE INTERVEÑA: ALO MENOS DOUS FALECIDOS DA MESMA FAMILIA, UN FALECIDO MENOR OU ACCIDENTE CON REPERCUSIÓN PÚBLICA

Sobre esas chamadas realízase un filtrado: para que o GIPCE interveña ten que haber alo menos dous falecidos da mesma familia, falecer un menor, que o accidente teña unha grave repercusión pública ou que os especialistas que tamén interveñen no lugar dos feitos (policía, Garda Civil, bombeiros, sanitarios...) demanden a súa presenza porque a situación se lles complica poñendo unicamente os seus medios. Se esa xefa de garda é quen de filtrar a atención vía telefónica, a demanda finaliza aí, con ese asesoramenteo, pero se é preciso que interveña un equipo do GIPCE sempre acoden dúas persoas e poden facelo: presencialmente no lugar dos feitos, en domicilios ou tanatorios, e sempre atendendo dentro das 72 horas posteriores a que se activa a demanda ou ben sempre antes de que se produza o funeral.

Como asegura Antelo Guerra, os principios que rixen durante o desprazamento a súa atención son os de proximidade e inmediatez. De feito, cando a xefa de garda avisa ao grupo de traballo de que se precisa da súa intervención, acode ao lugar o profesional que estea más próximo á zona do accidente. Con todo, confesa que "a atención máis común é a que se presta en domicilios e tanatorios, porque ás veces o tempo de desprazamento non nos permite atender ao accidente 'in situ', no tempo de maior necesidade, que é cando este se produce". Seguidamente chegaría a intervención como tal, na que se leva a cabo toda unha estratexia de comunicación e, unha vez que se dan por cumpridos os obxectivos, péchase a intervención do GIPCE, comunicándolle ao xefe de garda que a actuación finalizou.

"AS SECUELAS PSICOLÓXICAS NON TEÑEN POR QUE MANIFESTARSE NO MOMENTO"

Seguidamente faise un informe sobre como foi esa intervención por parte dos membros de grupo de intervención e, de ser preciso, faise un informe paralelo para derivar o caso no futuro a outras unidades de atención á saúde mental. Para Antelo Guerra é moi importante falar da victimización, porque no momento en que existe un accidente con falecidos falamos de que a víctima xa non é o falecido, senón os que se quedan, xeralmente familiares ou persoas próximas. Para intervir con eles é preciso crear un contexto de intimidade e confianza e realizar un acompañamento baseado na escoita activa, propoñéndolles pautas de autocoidado, orientación e guiándoos sobre os sentimentos que poderían experimentar nas vindeiras horas. E é que as secuelas psicolóxicas do accidente non só teñen por que manifestarse no momento do mesmo, senón que en non poucas ocasións chegan semanas, meses ou mesmo anos máis tarde.

Accidente de tráfico cun falecido en Pantón
Accidente de tráfico cun falecido en Pantón | Fonte: GARDA CIVIL - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta