Markarpone: "Non entendemos a música sen festa"

Contactamos co grupo ourensán para coñecer a súa traxectoria, a súa filosofía e motivacións, así como tamén os seus plans de futuro.

Por X.M. Fernández | Ourense | 04/05/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Maskarpone é unha formación musical con catorce anos de vida que ten na fusión e na 'festa total' os seus valores diferenciais. Achegámonos a eles para coñecelos un pouco máis e comprobamos que, entre outros grupos inspiradores, Os Diplomáticos deixáronlles pegada na infancia.

Maskarpone. Foto cedida polo grupo.
Maskarpone. Foto cedida polo grupo.

A entrevista que facemos non se dirixe a ningún compoñente en concreto, senon que a enfocamos a nivel colectivo, e así se desenvolveu... 

Como e cando nace o grupo?

Maskarpone nace en 2010 a raíz de xuntármonos nunha casa que funcionaba como local social onde había moitos grupos tocando e así uns músicos coñeceron outros músicos e decidiron montar este grupo.

Por que vos bautizastes como Maskarpone?

Cando o grupo non tiña nome e xa coa inminencia do seu primeiro concerto, lemos ese nome por casualidade nunha sobremesa nunha cea. Gustounos,  e así quedou ata hoxe.

Markarpone. Foto cedida.
Markarpone. Foto cedida.

Xa levades anos, houbo moitos cambios respecto da formación orixinaria? Quen estades agora?

Abofé, houbo moitos cambios desde a formación orixinal por diversos motivos pero agora os membros da familia maskarpónica somos os seguintes: Zaraida: voz, David: guitarra, Martiño: saxo, Xabier: batería, Champi: baixo, Jota: DJ.

Como vos deu por fusionar o Ska, o Rock e a Música Tradicional? 

E por que non!? Sempre fixemos o que nos pediu o corpo en cada momento e estes estilos que nomeas gústannos a todos tanto á hora de escoitalos como de interpretalos. Pero a fusión non remata aí, xa que tamén tocamos outros paus como a electrónica, a o funk, a rumba, o swing, o punk...

"Sempre fixemos o que nos pediu o corpo en cada momento..."

Algún grupo que vos inspire ou que sigades especialmente?

Non hai ningún grupo en especial porque cada un de nós ten as súas propias influencias; pero podemos dicir a nivel xeral que bandas como Os Diplomáticos de Monte Alto pola nosa infancia, Obrint pas pola súa mestura do tradicional e moderno ou Dubioza Kolektiv polos seus directos tan explosivos inspírannos para facermos o que facemos.

Algún dos estilos anteriores marca máis os vosos 14 anos de traxectoria?

Séguenos a encantar o ska pero sempre estivemos abertos a outras músicas e tendencias. A proba disto é que decidimos incorporar a electrónica ao grupo.

E a festa que non falte nunca nos vosos concertos, verdade? 

Por suposto! Hahaha. Non entendemos a música sen festa e buscamos que a xente o pase tan ben coma nós nos nosos directos.

"Non entendemos a música sen festa"

Que temas están presentes nas vosas letras?

As nosas letras van acorde coas música que facemos e inspíranse nas nosas experiencias vitais e inquedanzas, desde historias reais ou odas á festa ata, por suposto, a crítica social.

Levades 2 discos editados e tiñades pensado sacar este ano o terceiro. Contádenos como se está cocendo. 

Gustaríanos telo xa gravado, pero entre a pandemia, os cambios de formación e outras circunstancias persoais non o demos feito aínda. Tamén cómpre dicir que nos tempos que corren as cousas teñen mudado moito con respecto a cando gravamos o primeiro disco. Agora xa non se sacan discos completos con 12 temas, hai que pensar máis en sacar tema a tema acompañado dun videoclip, por iso estamos a sacar aos poucos algúns adiantos do noso vindeiro disco. Aquí tedes un, Amalavida.

Para cando calculades telo no mercado?

Se as cousas saen como as temos planeadas contamos telo para principios do 2025.

Mirando o calendario, como tedes a axenda de concertos e festivais para a primavera e de cara ao verán?

Están a ir ben as cousas, xa temos pechado un bo feixe de concertos en distintos festivais pola xeografía do país. 

Música e revolução!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta