O novo conselleiro de Sanidade desliza cambios nas xerencias e asegura ter "ideas diferentes" ás de Comesaña

Gómez Caamaño cualifica como "excepcional" o traballo de García Comesaña, pero apela a "pensar de maneira creativa" para solucionar "dificultades". "Hai cousas que se fan aquí (na Consellería) que están moi ben e que fóra non ven tan así", dixo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 02/05/2024 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, deslizou que poderá haber cambios nalgunhas xerencias das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde (Sergas), no cal se implantarán "ideas diferentes" con respecto á etapa do seu antecesor, Julio García Comesaña. Así respondeu Gómez Caamaño este xoves, na que foi a súa primeira rolda de prensa desde que tomou posesión, ao ser preguntado sobre os motivos da renovación da cúpula de Sanidade que aprobou o Consello da Xunta o pasado luns. Desta forma, achacou a remodelación a que "entra un novo conselleiro dun mundo totalmente diferente".

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o xefe de servizo de Pediatría do CHUS, Federico Martinón
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o xefe de servizo de Pediatría do CHUS, Federico Martinón | Fonte: XOÁN CRESPO

Antes de ocupar esta responsabilidade, da que tomou posesión a mediados de abril, era xefe de servizo de Oncoloxía Radioterápica. Aínda que valorou como "excepcional" o traballo de García Comesaña e aclarou que "non é unha crítica" cara á súa xestión, Gómez Caamaño si dixo que ten "ideas probablemente diferentes". Por iso, a renovación dos principais cargos da Consellería (por exemplo, do xerente do Sergas) obedece á vontade de non traballar "nunha contorna hostil" para el. "O traballo da Consellería anterior foi excepcional, pero son outros tempos e hai que cambiar outras cousas. O lóxico tamén é cambiar ás persoas", resumiu.

"PROBABLEMENTE"

Ademais, a pesar de que está "aínda por decidir", Gómez Caamaño si dixo con respecto ás xerencias das áreas sanitarias que "probablemente unhas quedarán", mentres que noutras "vai haber cambio". Será unha decisión que se adoptará de forma "consensuada con todo o equipo" e "sempre pensando no mellor para Galicia".

Preguntado sobre que implica ter esa "visión diferente" ao seu antecesor, o novo conselleiro insistiu en que é unha cuestión de perspectiva: "Hai cousas que se fan aquí (na Consellería) que están moi ben e que fóra non ven tan así". Por iso, Gómez Caamaño apostou por "pensar dunha maneira creativa" desde o Sergas para solucionar "moitas dificultades" que hai en ámbitos como a Atención Primaria. Así, trátase de coller os "moitísimos datos" cos que conta o Sergas para "transformalos en ferramentas que faciliten o traballo da xente".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta