O profesor Francesco Tonucci, "referente do urbanismo amable", novo Doutor Honoris Causa da USC

A profesora Claire Chenu, investigadora de bioxeoquímica e microbioloxía, tamén recibiu a distinción.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 03/05/2024 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

O profesor Francesco Tonucci, "figura emblemática do mundo do urbanismo amable", foi investido este venres como Doutor Honoris Causa da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un acto no que tamén recibiu esta distinción a profesora Claire Chenu. Ao acto, celebrado esta mañá no Paraninfo da USC, asistiron numerosas personalidades do mundo da universidade, da cultura e tamén da política, como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

Para o socialista, Tonucci representa unha "figura emblemática" do mundo do urbanismo, do mundo da educación e, "sobre todo, dese urbanismo que representa as cidades amables, as cidades de mobilidade sustentable e esas cidades tamén amigas da infancia". "É unha verdadeira referencia na ordenación do territorio, no urbanismo e na educación (...). O profesor Tonucci supón para nós e creo que, ademais, para moitos galegos unha verdadeira referencia cultural, educacional e ética", reivindicou.

A celebración arrincou coa interpretación do himno da universidade, tras o que o reitor da USC, Antonio López, pediu ao secretario xeral-Mestre de cerimonias que buscase ao padriño do homenaxeado. Neste caso, madriña, a profesora Belén Carballo Villar. Así, e tras pedir permiso ao reitor, Tonucci pronunciou a lección doutoral coa que se presenta para a imposición da esclavina, a borla e o anel, xunto á entrega do libro, de mans do reitor e que o converteu en Doutor Honoris Causa da USC.

FRANCESCO TONUCCI

Francesco Tonucci naceu en Fano, unha pequena cidade da revión de Marcas e graduouse como mestre en 1958. En 1963 licenciouse en Pedagoxía pola Università Cattolica do S. Cuore de Milán. Desde 1991 é responsable do proxecto internacional 'A cidade das nenas e os nenos' que propón "un cambio da cidade cara ao desenvolvemento sustentable, tomando como parámetro o neno". "Non se trata dun proxecto educativo, senón dun proxecto político, que deben asumir persoalmente os alcaldes e orientado a cambiar as cidades", recolle a USC no protocolo do acto. Explican que a idea básica é que cando unha cidade é boa para os nenos "será mellor para todos".

Francesco Tonucci
Francesco Tonucci | Fonte: Arquivo

A principal estratexia do proxecto é a participación dos nenos no goberno e na vida da cidade. Isto conséguese, por unha banda, escoitando aos nenos e, por outra, coa presenza física no espazo público da cidade, "recuperando así o dereito ao tempo libre e ao xogo". Hoxe o proxecto está presente en máis de 200 cidades de 15 países de Europa e América Latina. Desde 1968, baixo o pseudónimo Frato, debuxa viñetas e cómics satíricos que acompañan á súa actividade investigadora e que adoitan ser unha expresión "inmediata e contundente" da mesma. As súas viñetas publícanse en seis volumes traducidos ao castelán, catalán, francés, portugués e tamén ao galego.

CLAIRE CHENU

A profesora Claire Chenu, amadriñada pola tamén profesora Teresa Barral, foi, así mesmo, investida como Doutor Honoris Causa. Chenu é directora de investigación do Institut National de Recherche pour l'Agriculture, l'Alimentation et l'Environnement (Inrae) e recoñecida internacionalmente polas súas contribucións metodolóxicas e conceptuais á comprensión das complexas interaccións entre os organismos vivos e os compoñentes orgánicos e minerais do chan. Destacan que a súa investigación se caracteriza por un enfoque eminentemente multidisciplinar, que combina as teorías e métodos da ciencia do chan, a bioxeoquímica e a microbioloxía.

Tras as dúas imposicións, o reitor da universidade dirixiuse aos asistentes para dar por concluído o acto, no que lembrou os 50 anos das Ciencias da Educación e encomiou o papel de Tonucci na educación, "imparable", así como o de Chenu, cun traballo innovador que vira ao redor da seguridade do chan, aspecto da sustentabilidade ambiental que dará que falar nos próximos anos. A investidura pechouse tal e como arrincou, coa interpretación do 'Gaudeamus igitur', o himno da universidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta